Alfonso Fernández Guerra: «O traxe galego segue tendo tirón, pero tamén vendemos moita capa española»

A súa marca de moda, Daquela, facturaba 2,5 millóns de euros nos noventa ata a crise


santiago / la voz

A súa empresa chegou a vender 40.000 prendas ao ano, pero a crise económica levouna á ruína. Alfonso Fernández Guerra (Lalín, 1953) fundara cos seus irmáns a sociedade anónima Daquela, unha fábrica de prendas de confección de home e muller que acabou converténdose nunha marca de referencia desde a capital do Deza. «Tokio, Nova Iorke, Düsseldorf, Milán… Chegamos a asistir ás feiras máis importantes do mundo. En Manhattan, a daquela Miss Universo desfilou coa nosa roupa. En Milán, un ano, fomos o produto máis novidoso daquela edición. Tivemos un éxito enorme», relata o empresario. Mesmo desenvolveron unha fórmula, á que lle chamaban acrescencia, en colaboración co departamento de Botánica do campus de Lugo; tratábase dunha novidosa estampación con pétalos que lle confería olor aos vestidos. «Funcionou tan ben que en menos de tres meses colocamos a nosa mercancía en tendas de toda España», destaca.

A firma comercial tiña un cadro de persoal de trinta operarios entre patronistas, modistas e deseñadores, aínda que tamén se apoiaba nos talleres da zona que creara Zara. «Nos noventa facturábamos 2,5 millóns de euros, anos nos que gañamos moitos cartos, pero en 2001 o téxtil empezou a baixar a razón de dous díxitos anuais porcentualmente. Por que caímos? Por un problema de costes. Non tiven a visión de que xa non se podía producir aquí. De repente, os nosos produtos eran moito máis caros cos que viñan de India, China, Marruecos e mesmo Portugal». Dous expedientes de regulación de emprego, case consecutivos, liquidaron a actividade da empresa en 2007 como consecuencia da caída das vendas. «Foi un golpe moi duro -engade Guerra-, pero a boa relación entre os tres irmáns axudounos e non culparnos. Eu dirixía todo aquelo, así que podían pedirme algunha responsabilidade, pero non o fixeron. Ademais, chegamos a un acordo amistoso coa xente que traballaba con nós. Aínda algúns animábanme estes anos a volver a empezar, pero nunca segundas partes foron boas».

Así que Alfonso, a día de hoxe, deseña traxes tradicionais para colectivos de todo tipo que se venden por unha web baixo pedido. Grupos folclóricos, corais, bandas, tunas, peregrinos… figuran entre os seus clientes. «Todo empezou cando fun a Marrozos a aprender a tocar a gaita. Chegado o momento, precisei un traxe de galego, entro en Internet e apenas atopo nada, así que de aí me veu a idea. O primeiro ano vendín cincocentos euros, pero seis anos despois, estamos por riba dos cen mil e crecendo», segundo indica o emprendedor que volve traballar cos seus irmáns. A través do seu escaparate web recibe encargos de Suiza, Alemaña, Francia, Arxentina, Estados Unidos, etcétera. «Os países onde hai centros galegos activos conforman a carteira de clientes. O traxe galego segue tendo tirón, porque hai grupos novos, de mozos, de nenos. Temos unha carga de traballo regular, aínda que máis forte no verán. Tamén vendemos moita capa española. E agora estou moi ilusionado co Xacobeo. Facemos esclavinas, capelinas, capas, chapeus e boinas, así como a cruz de Santiago e a cuncha de peregrino. A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Miranda de Ebro acaba de facernos un pedido», sinala.

El fixo un par de veces o Camiño desde Burgos en bicicleta, pero agora está facendo a pé o Camiño de Inverno coa Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago: «Facer esta ruta foi unha sorpresa para min, xa que non pensei que fose quen de andar tanto. Ademais a relación que se fai coa xente é impresionante».

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
0 votos
Comentarios

Alfonso Fernández Guerra: «O traxe galego segue tendo tirón, pero tamén vendemos moita capa española»