Amurga Deza, anfitrioa de Femupo

AMELIA FERREIROA

LALÍN

miguel souto

A Federación de Mulleres de Pontevedra escolle Lalín para a primeira reunión de traballo deste ano

29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A capital dezá será sede este sábado do primeiro encontro de traballo da Federación de Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo), no que a Asociación Amurga Deza exercerá de anfitrioa. Trátase da primeira reunión que levará a cabo a federación, que preside Raquel Touriño, neste ano e na que se abordarán precisamente aquelas propostas que pretende materializar o colectivo ao longo do ano sendo a máis próxima a do 8 de marzo. A reunión que comezará ás 11.30 horas da mañán na biblioteca Varela Jácome de Lalín, contará coa presenza dun nutrido grupo de mulleres procedentes de A Estrada, Bueu, Poio, Vigo, Cuntis, Tui, Porriño, Cotobade, A Lama e Pontecaldelas, e rematará coa degustación dun cocido.

A Federación de Mulleres da Provincia de Pontevedra, á que pertence Amurga Deza, fixa os seus obxectivos no traballo pola igualdade, contra a violencia de xénero e a trata de mulleres, pola conciliación e a corresponsabilidade así como traballar polos dereitos das mulleres. Femupo continuará tamén centrando os seus esforzos en aumentar o número de asociadas pola provincia e fai unha chamada ás asociacións de mulleres para que se sumen á iniciativa.