Máis socios para Amigos do Camiño

amelia ferreiroa

LALÍN

CEDIDA

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Lalín-Deza continúa provendo etapas de camiñadas cara a Compostela, e busca incrementar o seu número de asociados.

Por segundo ano consecutivo a asociación promociona o Camiño de Inverno, e iniciou tres meses atrás un percorrido a Compostela por etapas celebrándose este domingo a etapa de Rodeiro a Lalín, cun percorrido de 22 quilómetros, e para os que se prevé unha participación de medio cento de participantes de Deza, Muros, Vilagarcía e Allariz. Un camiño por etapas que está rexistrando unha interesante participación, segundo o presidente da asociación Moncho Villanueva. «Xuntámonos entre vinte e trinta persoas en cada etapa e non só da comarca senón xente doutros puntos de Galicia». A saída para a camiñada do vindeiro domingo do autobus cara a Rodeiro de onde partirán os camiñantes, está fixada para as 8.30 horas da mañán da Praza da Igrexa. Ás 9 arrancará a andaina de Rodeiro para ir ata Penerbosa, Ponte de Pedroso e chegar a Lalín ás dúas.

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Lalín-Deza centrará parte dos seus vindeiros esforzos a captar máis asociados. «Contamos na actualidade cunha trintena de socios e a intención é chegar ao cento. É o obxectivo máis inmediato». O colectivo seguirá programando as seguintes etapas a Compostela, sendo a próxima de Lalín ata Bandeira, e seguirá promocionando o Camiño de Inverno.