Lalín necesita outra ambulancia xa


Acidadanía de Lalín observa con preocupación o deterioro da súa sanidade pública. Mentres esperamos polo tan desexado novo Centro de Saúde ?para o que a Xunta rebaixou as expectativas a pesares das reiteradas promesas? asistimos diariamente ao desmantelamento da atención primaria e da atención urxente no noso Punto de Atención Continuada.

O máis chamativo e problemático, o que está na rúa na boca dos nosos cidadáns, é a falta dos recursos necesarios para unha boa atención das urxencias. A ambulancia que presta servizo para Lalín non dá abasto e, mentres, Feijoo engana aos lalinenses cunha ambulancia substituta que non dispón do persoal nin dos medios mínimos para poder prestar unha asistencia de garantías.

No anterior mandato xa o grupo de goberno reiterara a necesidade de aumentar a dotación destes recursos do 061 para Lalín. Non o facía por atacar á Xunta de Galicia nin ao PP, facíao porque a necesidade era palpable e así o comunicaban os profesionais que cada día teñen que atender estas situacións. Cando os profesionais insisten en que non poden chegar a tempo ás diferentes urxencias polo nivel de presión asistencial que soportan, hai que facerlles caso.

Pero a Consellería de Sanidade maltratou de novo a Lalín no recente concurso de ambulancias a pesares de que o noso Concello aprobou resolucións que lle solicitaban melloras na asistencia. En cambio, noutros municipios como O Carballiño aumentouse o número de ambulancias e con menos poboación teñen o dobre de recursos do 061 ca Lalín.

Por iso non imos quedar calados vendo como teñen que vir a diario ambulancias de Chantada ou A Estrada que tardan máis de 40 minutos en achegarse a prestar asistencia á nosa vila. Se iso sucede dun xeito tan frecuente, como está totalmente constatado, é porque Lalín está mal atendido. Ante o silencio cómplice do PP que traga coas mentiras de Feijoo en sede parlamentaria, os grupos da oposición e, concretamente, os socialistas, non imos permitir que Lalín siga sufrindo esta situación que polo que se ve esbáralle ao alcalde actual.

Non é unha broma o dito de «para non parir Verín, para non mancarse Lalín», é o resultado do abandono da sanidade no rural que está provocando o PP.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Lalín necesita outra ambulancia xa