Volver á casa polo Nadal

LALÍN

29 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Qué significa realmente esta fermosa expresión, que utilizamos a cotío, chegado o entrañable tempo do Nadal? Coido que ten un significado moito máis amplo e profundo do que lle damos habitualmente a maioría das persoas. Porque regresar á casa é moito máis que reunirse de novo coa familia e cos bos amigos: é viaxar cara atrás no tempo e no espazo, ao noso lugar de orixe, xeralmente á nosa aldea natal, e sobre todo botarlle unha ollada á nosa auténtica morada, que está no interior de cada ser humano, tratando de atopar os sentimentos máis profundos, na busca dun novo renacer do neno Xesús que todos levamos dentro.

E non hai mellor lugar no mundo para a xente que desexe recuperar a ledicia e a paz interior e vivir o verdadeiro espírito do Nadal que toda aldea galega que tente recuperar a súas raíces e manter a súa esencia.

Resulta moi difícil superar a completa felicidade que experimenta unha persoa que esperte co cantar do galo, respirando aire puro, experimentando a liberdade das carballeiras, soutos, piñeirais e prados, gozando da súa cor verde esperanza, nas que será capaz de escoitar o silencio, tan só interrompido polo piar dos paxariños, o ladrido dun can, o zoar do vento nas árbores ou o descorrer paseniño do río acariciando o seu leito. Imaxinemos que a tardiña, coa caída do sol, pasea relaxado polas rúas do lugar, recibindo o anoitecer rodeado dos tons multicolores das luces do Nadal, escoitando panxoliñas baixo o manto dun ceo estrelado na inmensidade da noite, meditando na grandeza do Universo... Pois todo isto é o que fixemos realidade nunha humilde aldea de Lalín, chamada Codeseda!

Se é marabilloso ollar o sorriso dos nenos saltando de ledicia ao longo dun lugar abarrotado de veciños e visitantes, compartindo xuntos esta gran festa, resulta conmovedor ver chorar de alegría a unha persoa con máis de 90 anos de idade, que apenas pode saír da casa, celebrando Nadal nas rúas da súa aldea, xa que nin sos seus mellores soños imaxinou ter a oportunidade de contemplar a iluminación, os beléns e as celebracións do Nadal no seu propio portal.

Foi este ano 2019 especialmente intenso, comezando coa obtención do premio Aldea Singular outorgado polo Concello de Lalín, continuando coa atención de milleiros de visitantes ao Museo, a visita de case 100 colexios galegos, a XX edición da Malla Tradicional de Lalín, que pronto será declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a XI Fía do Liño, as XII Xornadas de Saúde e Vida Natural, a segunda festa do río Asneiro, en colaboración coas Asociacións de Doade e Vilanova, a escavación do Castro de Doade, a prospección das mámoas da parroquia, edición de tres importantes libros sobre o Castro, os 20 anos de Malla e o propio Museo, as primeiras xornadas castrexas de Doade, de carácter internacional, rematando cun evento pioneiro no rural galego, Unha aldea no Nadal, conseguindo unha espectacular dinamización cultural e social do lugar durante un mes enteiro, en plena tempada invernal.

Sen dúbida, foi o máis completo, e tamén complicado, dos 24 anos que levamos a facer Galicia, escribindo cada día unha orixinal páxina desta gran historia de amor cara a nosa terra e as xentes do rural galego, que constitúe, por unha banda, unha humilde homenaxe aos antepasados, amigos e veciños que se quedaron polo camiño, e aos avós das aldeas galegas, que cada día ven marchar con tristura aos máis novos cara a vilas e cidades, sentíndose sos e abandonados, e por outra, un berro desesperado dirixido aos xoves galegos, pedíndolles que consideren seriamente a posibilidade de facer algo diferente e grande na terra que os veu nacer, na que tamén poder triunfar, sen necesidade de emigrar a terra estraña, sendo así dobremente felices, e alegrando a vida das súas familias, evitando a máis que probable desaparición da súa preciosa aldea.

Non abondan as verbas de cariño da nosa riquísima lingua galega para expresar o meirande dos agradecementos da Casa do Patrón a tantas e tantas persoas que dalgún xeito nos animaron e axudaron a continuar o nosa sacrificada tarefa a prol da cultura e das tradicións da nosa terra, levándonos a superar un mar de dificultades. En recoñecemento a todos eles, continuaremos loitando e traballando con ánimos renovados para tódolos galegos, cos que desexamos compartir a mellor das sortes no esperanzador ano 2020 que agora comeza. Feliz aninovo!.