«Mazapáns e polvoróns artesáns copan a maior demanda en Nadal»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

Son os doces con máis saída nunhas datas en que se mercan tamén moitas pastas

21 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Paz Pazos Balboa só podía ser pasteleira. E é que sendo unha meniña xa axudaba a súa nai na casa, en Brántega, os días de festa a facer lambetadas. Leva trinta anos dedicándose a endulzar padais, e dende o ano 2015 cunha pastelería propia en Lalín.

-É pasteleira por vocación.

-Así é. A pastelería gustábame dende pequena. Xa facía doces coa miña nai e con trece ou catorce anos cocía o pan. Ao falecer a miña nai tiven que facelo eu; os primeiros moletes saíron moi salgados (sorriso) pero logo collinlle o punto. Despois viñen para Lalín, diso fai trinta anos, e puiden traballar noutras cousas pero optei pola pastelería e sigo.

-Do amplo surtido de doces que están á venda, que é o que máis se demanda nestas datas?

-Mazapáns e polvoróns artesáns copan a maior demanda da clientela en Nadal. As opcións son moi variadas pero aquí é o que máis nos piden. Tivemos turróns tamén noutras ocasións pero non tiñan unha alta demanda e apostamos por sacar o que máis se vendía e se está a mercar.

-Apostamos maioritariamente polas elaboracións artesás?

-Si claramente. En calquera supermercado ou gran superficie podemos atopar unha ampla variedade de doces pero non teñen nada que ver cos que se elaboran de maneira artesanal, como facemos aquí, e cada vez a xente busca produtos máis naturais e sans.

-Cal é entón a principal diferenza entre uns polvoróns e outros?

-Os nosos levan améndoa, avelá, manteiga e fariña. Nada máis. Nós facemos o tostado dos ingredientes todos no obrador, móense posteriormente e elabóranse os polvoróns. Un proceso natural e artesán. Iso é o que busca e agradece o cliente. No caso, por exemplo, dos mazapáns ocorre exactamente o mesmo: é todo améndoa, e nada de pataca.

-Pataca?

-Si (sorriso). Está permitido. Pódese elaborar mazapán con certo aporte de pataca, pero persoalmente non me gusta. Os mazapáns que saen de La Artesana son de améndoa cen por cen.

-Cal é o perfil do cliente que vén mercar este tipo de produtos doces de Nadal?

-Mudou un chisco esta cuestión. Antes eran maioritariamente persoas maiores as que se encargaban de mercar os mazapáns e os polvoróns pero agora, de un tempo para acá, tamén contamos cun perfil de clientela moza. Os novos primeiro proban o produto aquí, e logo é cando veñen a mercar para consumilos na casa, coa familia ou cos amigos. Tamén é salientable o feito de que temos moitas nais que mercan os polvoróns para os seus nenos.

-Cal é a tarta navideña por excelencia?

-O tronco de Nadal. A nós o que nos piden realmente é un brazo pero cun decorado un pouco máis acorde coa época na que estamos. Claro que hai quen encarga outros tipos de tartas, xa que todo vai en consonancia coas preferencias de cada un. Aínda que non é tan demandada tamén facemos unha garrapiñada con pouco azucre e branda que gusta moito. Normalmente as garrapiñadas son duras pero nós sacamos unhas diferentes, moito máis brandas e con menos azucre polo que son aptas para un maior segmento da poboación.

-Vexo cantidade e variedade de pastas.

-Vendemos moitísimas, pero ao longo de todo o ano. Non é unha saída puntual de produto agora senón que se move ao longo de todos os meses do ano. Vendemos máis pastas que mazapán e polvorón; estes últimos son só de tempada e as pastas apetecen a calquera hora. Contamos con catorce variedades de pastas, tanto recheas como non, e de varios chocolates.

Outros doces de Nadal. O cordial é típico de Murcia, e o rosco de viño de Málaga.

Da peladilla ao alfajor. Valencia rinde tributo á peladilla, Antequera e Estepa teñen dos mellores mantecados que non desmerecen aos alfajores de Cádiz e á hojaldrina tan típica de Xaén.

«Os bombóns, tan socorridos nestas festas, son de recheos diferentes según o formato»

As datas de Nadal caracterízanse indudablemente polos xantares, ceas e reunións de familia e amigos e momentos tamén para agasallar. Pastas, doces e bombóns son en máis dunha ocasión o agasallo doce máis socorrido.

-O bombón ao igual que as pastas sempre son unha opción á hora de facer un regalo, cando se vai de visita á casa dun amigo ou dun familiar ou para degustar cos compañeiros en círculos de traballo. Contamos cun amplio surtido e cada formato de bombón tén un recheo diferente. Vendémolos tanto para consumo propio como para regalo. No Nadal son tamén moi socorridos á hora de agasallar a alguén.

-Somos de encargar con antelación ou fuximos dos encargos?

-Atopámonos de todo pero sempre recomendamos que se fagan os encargos con antelación para maior comodidade, tanto para nós como para a clientela. Non se pode encargar a última hora que despois todos son problemas. Moitos pensan que se encargan unha tarta ou pasteis a materia prima non será fresca e é un terrible erro. Os profesionais da pastelería non nos interesa para nada vender doces resesos, alomenos nós non. Somos os primeiros en apostar sempre polo produto fresco e artesanal e traballando coa mellor materia prima.

-En breve pensando nos roscóns e nas roscas.

-Falta pouco. Deixamos o Nadal e xa nos meteremos en Reis e coas xa tradicionais roscas, que levan o seu traballo xa que teñen que levedar, pero están riquísimas. Aí tamén sempre pregamos á clientela que faga o seu encargo con antelación para non quedarse sin ela.

-A bolería tamén mellor artesanal?

-Claro. As ensaimadas e cruasanes que elaboramos teñen moita demanda entre a clientela.