Porral leva a mitoloxía das mouras a unhas xeracións que a ignoran

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

Valentín García suliña a importancia de «As tres mouras da Fonte Lantana» para captar o interese dos nenos

24 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa sala de prensa do Concello de Lalín ateigada, Xoán Carlos García Porral presentou o seu libro As tres mouras da Fonte Lantana. Unha incursión na literatura infantil do estudoso que ten entre as súas obras publicadas De mouros, mouras e tesouros. A comarca de Deza, un amplo traballo que recolle centos de lendas da zona. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, suliñou ese segundo paso que posibilitará achegar aos nenos unha das lendas que transmiten a nosa historia e valores, lendas que se están a perder.

Foi clarificador Celso Fernández Sanmartín, relatando unha experiencia nun obradoiro no colexio de Cercio: os rapaces non coñecían os tesouros que agocha a parroquia. Ao día seguinte, despois de preguntar na casa, Cercio era un espazo cheo de valores escondidos: «A lenda axúdanos a que nos importe o lugar de onde somos», sinalou. Lenda como a que recolle García Porral, que destacou as ilustracións de Gabriel Iglesias para o libro. Citou tamén nos agradecementos, ademais da Xunta, a Miguel Villar, un dos patrocinadores da obra co restaurante Porta do Sol de Lamela, e ao outro patrocinador, Cooperativa Hoxe, nunha obra de Edicións Fervenza. No público, edís de goberno e oposición como Román Santalla, e autoridades como Antonio Crespo.