O San Xudas enchou ata tres veces a igrexa parroquial de Botos

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

A devoción nesta localidade lalinense comezou hai 50 anos e relegou a da Virxe Peregrina, que tivo festa relixiosa

03 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é unha celebración antiga e tradicional esta do San Xudas Tadeo que o pasado domingo encheu a igrexa parroquial de Botos nas tres misas que se celebraron de mañá. Hai uns cincuenta anos o matrimonio formado por Amalia González Otero e Luís Villamarín Cuñarro, este nativo da parroquia, ambos finados recentemente e entón emigrantes en Venezuela, onde acadaran fortuna no eido empresarial, mercaron a imaxe e logo dun acordo co cura párroco, daba comezo o culto a este santo na igrexa parroquial, que pasaría nos anos oitenta a celebrarse nun dos barracóns da estación de ferrocarril, que ofrecía mellor acceso. Daquela a asistencia era escasa, pero cada ano ía en aumento e cando xa o improvisado e ruinoso templo se facía pequeno, a celebración pasou novamente a igrexa parroquial.

Neste medio século a devoción ao santo avogoso para os casos imposibles e desesperados que agora tanto abondan, non deixou de aumentar ano tras ano, con centos de devotos que concorren as misas, algúns ofrecidos chegados a pé dende a vila de Lalín e dos contornos da parroquia. Moitos prenden candeas, deixan esmolas e aproveitan para tocar o santo milagreiro. Logo da misa, ven a procesión deica o fermoso cruceiro barroco no que chama a atención a imaxe da Virxe co Neno en brazos no reverso, Cristo crucificado no anverso e as vieiras do capitel, lembrando o camiño de peregrinacións a Compostela que por aquí pasa. Tamén hai un cruceiro moderno preto da igrexa, fronte o centro social, co Cristo na cruz e Santiago Peregrino no fuste. Esta é unha festa relixiosa, e para xantar e verbena xa o véspera os veciños organizaron un moi concorrido magosto no novo campo da festa.

O San Xudas relegou a da Virxe Peregrina

A celebración do San Xudas Tadeo -non confundir co traidor Xudas Iscariote de tan mala prensa- relegou a da Virxe Peregrina, que tiña aquí festa relixiosa dende anos atrás. A imaxe da Virxe pasou a sancristía onde ficou esquecida deica que unha devota pagou a súa restauración e agora campa nunha repisa da nave, mentres o San Xudas, ocupou o lugar daquela no altar principal. A Virxe Peregrina ten concorrida e ancestral romaría en Obra (As Cruces) e unha imaxe de vestir, na capela de da Pascuilla en Noceda, onde acompaña a Virxe dos Remedios na procesión.

Algo semellante debeu acontecer co San Bartolomeu que ten a súa festa o 24 de agosto é que dende hai moitos anos, é a principal celebración da parroquia en prexuízo do patrón San Xoán Bautista, que tiña festa en xuño e que agora acompaña a este santo en procesión ao igual que a Virxe do Rosario que o día seguinte, acompaña ao San Antonio na procesión da súa festa. Os veciños din que polo San Xoán aínda non estaba feita a seitura e non había trigo para o pan da festa e decidiron cambiar a celebración. San Bartolomeu tiña no século XVII unha Confraría nesta parroquia, ao igual ca o Santísimo e tiveron Capelanías a primeiros do século XVIII, San Antonio e San Ildefonso, fundada esta última por Alonso da Silva de Baxán, da que era capelán Domingo da Silva, segundo recollen García Porral e González Murado no libro Realidade Eclesiástica do Concello de Lalín na época postridentrina.

San Xoán, O Santísimo, San Bartolomeu, a Purísima, San Xosé e San Xudas teñen as súas imaxes no retablo principal, e San Antonio preside un dos altares barrocos dos laterais datado en 1790, sendo o outro para a Virxe do Rosario. Merece mención un antigo Cristo crucificado, e son novas tres imaxes da Virxe e unha mais da Inmaculada que está en restauración. Da que había de San Ildefonso, ninguén sabe.

No testamento do bispo Odoario no século VIII

A parroquia de San Xoán de Botos é unha das catro de Deza, que aparece mencionada no testamento do bispo lucense Odoario que repoboou estas terras no século VIII e tamén hai mencións da antiga ermida eclesiástica de San Xoán da Fontesanta que puido ser o antecedente da actual igrexa, que sería refeita no século XVIII. Da primitiva reutilizouse a porta principal semicircular e a pía bautismal. Do mesmo século é o cruceiro procesional que referimos, así coma un fermoso viril e un cáliz que fixo para esta igrexa o prateiro compostelán Montenegro Crespo. Moito mais se podería contar de Botos, ca o que aquí poñemos coa colaboración que nos prestaron os amigos Uxío Silva e Manuel Cuñarro, que coñecen ben tódolos recantos destas terras.