«O traballo das mulleres rurais segue estando escasamente valorado», indica Ana González

amelia ferreiroa LALÍN / LALÍN

LALÍN

miguel souto

Preside Amurga,  colectivo que bota a andar para fomentar a igualdade de oportunidades no rural

12 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha nova asociación súmase aos xa numerosos colectivos existentes na zona, pero faino dende o rural dezao coa perspectiva da muller e do seu traballo cotiá que abrangue tarefas ben dispares. A Asociación de Mulleres Rurais de Galicia- Deza (Amurga) está presidida por Ana González Iglesias (Castro de Abaixo-Lalín) e presentarase oficialmente o vindeiro 15 de outubro, martes, nun acto que se celebrará no Pazo de Liñares.

-Como xermola a idea deste novo colectivo?

-Como suceden moitas iniciativas, un pouco de casualidade e nun café con amigas. A idea prendeu no ano 2018. Xuntámonos e pensamos que nos poderíamos constituir nunha asociación de mulleres do rural, coas nosas inquedanzas e tentando dar saída aos problemas que temos. Comezamos por xuntarnos nun grupo de WhatsApp e neste ano demos os últimos pasos da súa constitución formal.

-Cal é a finalidade de Amurga?

-Na intención das que constituimos a asociación está fomentar a igualdade de oportunidades no ámbito rural, promover a aparición da muller nas actividades produtivas, potenciar a súa presenza na toma de decisións en todos os ámbitos (social, laboral, cultural, político e económico), así como apoiar o carácter emprendedor e empresarial das mulleres e en xeral atender todos os campos do sector feminino no ámbito rural. Intentaremos tamén mediar entre as distintas administracións para acadar melloras naquelas necesidades que poidan existir nos seos das familias do rural.

-Falaba de dar saída ás inquedanzas das mulleres do rural, cales son?

-Temos moitas. Para unha muller do rural traballar fóra élle moi complicado. Ten que atender a casa, os fillos, na maioría dos casos algunha pequena horta familiar, ao mellor unha granxa e algunha persoa maior; ben sexan os pais, os sogros... Se a todo iso añades un traballo fóra da casa, imaxínate... E todo iso cunha remuneración ben pequena para unha xornada laboral moi longa. O traballo das mulleres rurais segue estando escasamente valorado e moi pouco recoñecido. Aquí o poder marcharte un par de días da casa, e xa non digo unha semana, é prácticamente imposible. E se queres ir, por exemplo, a unha simple excursión ou a unha charla dependes dun familiar ou dunha veciña para que mire polo maior da casa; non o podes deixar só. E poño un exemplo, no noso caso, entre as que somos fundadoras da asociación penso que só hai unha muller que non ten agora mesmo unha persoa maior ao seu cargo. Moitas de nós incluso tivemos que buscar asesoramento e formación de profesionais para atender aos nosos maiores; eu mesma tiven que facelo para poder atender axeitadamente a unha familiar que estaba encamada. Había que aseala, movela e precisas saber como facelo ben. Claro que pese ás dificultades que se nos poden prantexar no noso día a día imos celebrar charlas sobre todos aqueles temas que sexan de interese, que nos demanden as propias asociadas, e se podemos artellar algunha saída tamén as faremos.

-Arrancan con local social e asociadas?

-É un traballo que nos falta por levar a cabo. Agora, despois da presentación oficial da asociación do próximo martes, comezaremos a captación de socias e na procura tamén dun local no que manter as nosas reunións.

-Socias de ámbito comarcal?

-Si. Aquí teñen cabida todas as mulleres da comarca que se queiran unir a nós, e que poden pertencer a outros colectivos.

«Na mesa redonda intervirán socias con perfis, idades e vivencias moi diferentes»

Do rural e do mundo laboral Ana sabe o seu. Con tan só 14 anos comezou a traballar como dependenta, pasou ao sector da confección pero despois de realizar un curso sobre o Alzhéimer apostou polo coidado dos maiores.

-Con 50 anos estaba no instituto sacando a ESO (risas)... Cando tiña que estudar non o fixen... Traballei nas dúas residencias de maiores de Lalín e en domicilios, fun alcaldesa pedánea de Castro de Abaixo ao longo de catro anos, e agora despois de ser socia en varias asociacións arrancamos con moita ilusión con este novo proxecto que esperamos que sexa do agrado de moita xente.

-Como será a presentación do próximo martes?

-Será un acto sinxelo no que falaremos da asociación, do que queremos facer e despois haberá unha mesa redonda no que varias mulleres, de perfis diferentes, pero todas elas residentes no rural falarán das súas experiencias. Imos empezar ás 15 horas, a mesa redonda está prevista para as 15.30 horas e despois poderemos disfrutar dun obra de teatro «As Pementeiras»; cuxa temática é de igualdade de xénero, e pecharemos o acto cun café. É unha presentación aberta á participación de todos os que nos queiran acompañar e será no Pazo de Liñares.

-Quenes protagonizarán a mesa redonda?

-Son mulleres integrantes de Amurga con idades e vivencias moi distintas; dende unha gandeira que foi contable ao longo de varios anos e que montou un negocio, pasando por outra fundadora da asociación que deixou a súa carreira de relacións laborais para adicarse á gandeiría ou a xerente de dúas granxas que é nai de dous nenos e coida do seu pai. Creo que poderemos escoitar situacións reais moi interesantes, que son as que nos atopamos no noso extenso rural.