Ler en galego ten premio en Lalín

La Voz

LALÍN

Rocío Ramos

06 jun 2019 . Actualizado a las 17:18 h.

Ler en galego ten premio en Lalín. A concellería de Cultura de Lalín en colaboración co IES Laxeiro presentou unha nova campaña de animación á lectura dirixida aos alumnos do centro e os usuarios da biblioteca municipal. A presentación correu a cargo da concelleira de Cultura, Lara Rodríguez: a profesora e encargada da biblioteca do IES Gracia Santórum e o director do centro, Uxío Grande. Nesta volta fixéronse 500 alfombras para o rato do ordenador e outros tantos bolígrafos. A metade repartiranse no instituto e a outra metade distribuiranse entre os usuarios que leven libros en préstamo na biblioteca.

No instituto, por cada tres libros prestados en galego, os rapaces recibirán como agasallo un bolígrafo rotulado co lema Eu escribo en galego e unha alfombra, con modelos en distintas cores, e co lema O meu rato navega en galego. Uxío Grande agradeceu a Lara Rodríguez o seu traballo nestes derradeiros catro anos e a colabora con moitas actividades do centro destacando que estas campañas «teñen moito valor para os nenos e non teñen prezo» alegando que «por pequenos detalles se fan grandes cousas». Lara Rodríguez destacou o traballo de Gracia Santórum como «cabeza pensante» destas iniciativas. Santórum lembrou que a biblioteca do Laxeiro está aberta a todo o mundo e agradeceu a concelleira «que aceptara sempre as miñas loucuras e as ideas». Neste caso a campaña estaba prevista para as Letras Galegas pero o material non chegou a tempo co que arranca agora. Grande espera que se manteña a colabora do Concello con iniciativas como esta que se facían dúas veces ao ano: no verán e no Nadal.