José García Oro: sempre o meu sabio amigo

Román Rodríguez CONSELLEIRO DE CULTURA E TURISMO

LALÍN

SANDRA ALONSO

12 ene 2019 . Actualizado a las 21:44 h.

Humilde, sabio, próximo, brillante. Así era José García Oro, o Padre Oro.

Tralo seu moi sentido pasamento, a parroquia da Veiga estará inexorablemente vinculada a un dos nosos galegos máis distinguidos. Unha eminencia que tivo a ben nacer e logo transcender da contorna dezana coa súa inefable sabedoría. Un dos grandes, xunto a Ramón María Aller ou José Rodríguez González, o matemático de Bermés.

Persoa ilustrada á que sempre profesei unha grande admiración, como home e como investigador, forxou, como poucos, unha extensa e fructífera biografía que reflicte a súa enorme valentía e toda unha vida dedicada aos asuntos do coñecemento.

Unha inquedanza, a do saber, que foi cultivando co tempo e sempre vinculada á orde franciscana, onde iniciaría os seus estudos e onde ingresaría aos 18 anos. Sumouse, como un máis, á compañía relixiosa facendo súa a humildade como máxima, nun xesto cotián que o fixo enormemente accesible. De fonda humanidade, a cotío restabase méritos; e iso fíxoo máis grande aínda.

Co tempo, dedicámoslle unha rúa en Lalín. Excuso dicir que el non a quería. Pensaba que non tiña méritos. Xustamente esa convición foi unha das súas grandes cualidades.

De enorme capacidade para ser instruído en asuntos de grande relevancia espiritual, soubo combinar a súa dedicación sacerdotal co interese esculcador pola teoloxía, a historia da Igrexa católica e a filosofía. Contidos nos que obtivo o seu doutoramento, logo de cursar os estudos correspondentes en Roma.

Como o seu celo investigador non tiña límites, foi quen de ampliar a súa erudición en realidades tan diversas como o mundo medieval, ou a personaxes históricos como os Reis Católicos ou o Cardeal Cisneros. Por non falar de como se volcou con deleite e rigor no período do Renacemento para adentrarnos na súa nobreza, nas súas igrexas, cidades, pobos e hospitais … E foi precisamente todo o seu labor de documentalista, experto neste prodixioso período que transformará a Europa, o que o levou a consideralo como un erudito do Renacemento. Iso si, Galicia sempre acabaría sendo a súa referencia vital e académica, á que acababa retornando o seu curioso espírito.

Asuntos de tanta trascendencia e calado non lle impediron traballar e investigar na súa contorna máis próxima. Por isa razón, dedicou varias das súas obras á súa terra natal, á que sempre levou no seu corazón. De feito, eu mesmo tiven a honra de editarlle, no ano 2000, o seu «La tierra de Deza en la Edad Media y en el Renacimiento. Del anonimato al pleito», primeiro libro do Seminario de Estudos do Deza, que escribiu o Padre Oro con Ángeles Novoa Gómez. E facendo gala do seu amor á terra, entrou no terreo da historia eclesiástica para deixarnos todo o seu legado intelectual, que se conserva na biblioteca do Mosteiro de San Francisco de Santiago, que era como a súa casa.

No frontis da Universidade de Santiago podemos situalo como un dos seus valores máis imperecedeiros. A súa dedicación á docencia universitaria durante trinta e oito anos, fano digno dunha multitude de seguidores universitarios versados agora en diferentes campos da historia.

Fóisenos o Padre Oro. Aínda recordo velo polo claustro da Facultade e falar con enorme facilidade de calquera tema mundano ou de alta cultura. E, en ambos casos, sempre era quen de facelo co mesmo ton e a mesma tranquilidade dos homes bos. Tiven ocasión de departir con el por última vez en outubro de 2017. Aproveitara unha visita institucional a Noia para achegarme canda el a saudalo expresamente.

O meu sabio amigo e tamén amigo sabio, xa descansa no que foi o seu fogar da vida, o Convento de San Francisco. Alí quedará por sempre a representación perpetua da súa grande humanidade.