Calma tensa á espera dun novo sacerdote

La Voz

LALÍN

rober amado

A veciñanza acordou esperar ata o 27 de xaneiro a chegada dun cura que atenda as parroquias, e falou da homenaxe a don Francisco Lodeiro

12 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O centro social de Botos foi o sitio escollido polos representantes das catro parroquias lalinenses, que carecen de sacerdote dende finais de decembro para analizar a situación, e seguir avanzando na preparación do recoñecemento que se lle pretende tributar a Francisco Lodeiro o cura que recentemente se xubilou. Un encontro celebrado o pasado xoves pola noite ao que asistiron representantes das parroquias de A Xesta, Vilanova e Doade ademais dos de Botos na que se informou aos asistentes sobre a intención do obispado de buscar unha solución á falta de cura en ditas parroquias. Representantes parroquiais que botaban en falta non ser informados persoalmente da decisión do obispado; «non se dirixiron a nós para nada e todo o que sabemos é polos medios. A xente estaba un pouco molesta nese senso», comentou o alcalde de barrio de Botos Pepe Cuñarro. As reivindicacións das parroquias continúan a ser exactamente as mesmas e piden do obispado que concrete a designación dun cura para atender os lugares dos que antes se facía cargo Francisco Lodeiro. «Ata o 27 de xaneiro acordamos esperar para que se poida reestructurar todo pero a partires de entón se non temos unha resposta satisfactoria xa pasariamos a acción, pero imos confiar en que se resolva todo de maneira satisfactoria».

A reunión do pasado xoves tamén serviu para avanzar no recoñecemento que se lle tributará a Francisco Lodeiro. A data do 17 de marzo, fixada nun comezo podería modificarse en función da axenda do obispo Alfonso Carrasco, «semella que está interesado en asistir polo que ata fin de mes non imos pechar definitivamente o día por se lle vai mellor o 10 ou o 24 de marzo». Un recoñecemento que se fará en conxunto, por parte das 4 parroquias, «malia que ao mellor cada unha lle faga entrega dun pequeno obsequio», que constará de misa, un xantar que custará entre 20 e 25 euros e que rematará co recoñecemento nun día aberto á participación e asistencia de todo aquel que o desexe.