Pilar Campos Trabazo: «Quero pensar que esta é unha forma de colaborar co pequeno comercio»

Sobe a diario un outfit dalgunha tenda coa que colabora, sempre seguindo as tendencias


lalín / la voz

Gústalle o ensino e tamén a moda pero «son mestra ante todo», puntualiza a lalinense Pilar Campos Trabazo que dende fai seis meses comparte looks e outfits na súa conta de Instagram (@pilar_fields). Nai de dous nenos pequenos e mestra de Educación Primaria, especialista en inglés, traballa na actualidade no Ceip Plurilingüe Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe (Lalín), como titora de primeiro de primaria, e recoñece sentir paixón pola docencia e un forte interese polo mundo da moda, que co empuxe dunha amiga a levou a ser unha Instagramer.

-Como comeza todo isto?

-Empecei fai xusto seis meses, nas vacacións de verán, cando tiña máis tempo libre. Foi unha boa amiga a que me animou a publicar looks e compartir outfits pois sempre me comentaba o de subir algunha foto e etiquetar as prendas, sempre dándolle o meu estilo. Así que saquei aquela primeira foto, etiquetei o vestido que levaba e ata agora.

-É unha blogger?

-Realmente eu non son blogger como tal xa que non teño ningún blog de moda, o que fago é usar a miña conta de Instagram para publicar os diferentes looks.

-Con que firmas ou tendas está colaborando?

-Todas as tendas coas que colaboro son establecementos de Lalín: Gbasico, Exclusiveshop, S’ agapo e Bloom, no Centro Comercial Pontiñas, e tamén colaboro coa xoiaría López Romero. Son tendas nas que atopo prendas e xoias que encaixan no meu estilo, actuais e diferentes, pero tamén básicos para o meu día a día; así que aínda que nalgunha ocasión podo sacar pezas de marcas coas que non colaboro, nestas tendas atópome moi cómoda para crear os meus outfits. Mesmo nun futuro non me importaría ter novas colaboracións, sempre que encaixen no meu estilo e me sinta cómoda facéndoo. Non son unha persoa de ir pechando portas.

-Con que periodicidade sobe os looks?

-Normalmente é unha periodicidade diaria. Subo un outfit cada día, pero non é unha norma nin algo ríxido, e se algún día non podo subir unha foto non pasa nada, todo depende de como me organice. Non teño esixencias nese sentido.

-Como é a escollida das pezas?

-A escollida, polo xeral, é miña pero xa me coñecen moi ben e ás veces avísanme por algunha peza en concreto que lles gusta para min. Atópomo moi cómoda traballando con calquera das tendas coas que colaboro, penso que confían en min e no meu criterio e agradézoo moito.

-Cínguese ás tendencias actuais ou vai por libre e aposta polo que lle gusta?

-Sigo ás tendencias e gústame estar ao día en canto ao que se leva ou non se leva, pero á hora de vestirme ou de elexir modelo baséome en como me vexo ou se estou cómoda co que levo. Tampouco teño un estilo definido. Vístome seguindo o humor do día e o tempo do que dispoña. Aínda así é certo que hai pezas que por moito que se leven, eu non me poñería. Gústame ser fiel a un estilo actual pero cómodo e urbano, non moi estridente.

-É un xeito de colaborar co pequeno comercio?

-Quero pensar que si. Cando comparto un look non teño máis pretensión que mostrar como combino unha peza e que a xente poida sacar ideas, en caso de animarse a mercala, e se son das nosas tendas locais é un xeito de dar publicidade ao comercio máis próximo, e que se merque nas tendas da vila. Os comerciantes están facendo grandes esforzos para que sigamos mercando aquí e organizan eventos encamiñados a facilitar as vendas.

Look. Término de orixe inglés que ignifica ollada xeral e que se usa para designar o aspecto ou o estilo de vestir dunha persoa.

Outfit. É a vestimenta, roupa ou conxunto e configúrase combinando unha serie de atuendos de tempada que sexan acordes coa situación, momento e sitio.

«Os clientes non valoramos ás veces o que temos cerca como a atención personalizada»

Para os comercios locais competir co grande Inditex ou centros comerciais con é tarefa doada, remarca Pilar, pero «ás veces os clientes non valoramos o que temos cerca».

-Non digo que non se poida mercar nas grandes superficies pero facelo na contorna significa colaborar cos veciños. Os comercios da zona teñen moita oferta, gran variedade de prezos e unha atención personalizada.

-O 70 % dos envíos que se distribúen son de compras on line, ao comercio local quédalle un gran reto?

-Ese tipo de vendas teñen cada vez máis espazo pero o noso comercio non se queda atrás e as tendas coas que colaboro xa fan eses envíos, facilitan as compras por internet... As redes sociais facilitan os intercambios comerciais e favorecen ao comercio de proximidade.

-Hai bloggers e instagramers que o que presentan se esgota, é o seu caso?

-Non estou a eses niveis pero é gratificante saber cunha peza que sacaches vendeuse ben ou se esgotou. Cando me din que vai xente coa miña foto ou preguntan por unha peza que saquei é bonito e estou agradecida.

-Cantas persoas a seguen?

-Poucas. Non chego ás mil pero é algo ao que non lle dou importancia. A miña conta é aberta e hai xente que ve as fotos sen seguirme. Para as colaboracións é unha carta de presentación e para min o máis importante é que a xente respecte o que fago.

-Deixaría o ensino pola moda?

-Non o creo, non. O da moda é máis un divertimento... Primeiro está o meu traballo de mestra aínda que é certo que me gustaría seguir subindo fotos e colaborando con diferentes tendas ou marcas. Teño moito interese en perfeccionar a edición fotográfica, que está en mans do meu home, irmá, amigas, fillos...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Pilar Campos Trabazo: «Quero pensar que esta é unha forma de colaborar co pequeno comercio»