Pecha a taberna de Cristimil, que abrira as portas en 1953

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MIGUEL SOUTO

O establecemento lalinense tiña licenza para poder vender dende un peine ata un abrigo de visón

03 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As tabernas espalladas polo rural galego, auténticos centros neurálxicos de reunións veciñais, van esmorecendo tamén na zona. Así cos últimos alentos do pasado ano pechaba as súas portas un mítico local: o Bar Alimentación Cristimil; a coñecida como taberna de Cristimil, en Lalín. Un establecemento fundado por Concepción Adán e Celso Blanco no ano 1953 que rexentaba na actualidade a súa filla Esther, coa axuda do seu home José, e que por falta de continuidade acabou por baixar á cortina como vén sucedendo con outros moitos establecementos de semellantes características.

Unha taberna que deixa un baleiro importante para os habitantes da contorna pero tamén para os veciños de Silleda e Vila de Cruces, «que viñan buscar aquí o que non atopaban noutro sitio, e moito máis en domingo que nós si tiñamos aberto ao público», comentaba Esther Blanco nunha entrevista neste xornal no pasado ano 2014.

Os fundadores da taberna de Cristimil Concepción e Celso comezaron vendendo nun local alugado bombos de sardiñas, aceite, viño, augardente e azucre; cousas básicas que a veciñanza requería, pero ao facerse cargo Esther do establecemento, e despois de que seus pais xa contaran cun establecemento de seu; levantado no baixo da súa casa, «procuramos ir ampliando para ter o que nos viña pedindo a clientela e que eran artigos moi diversos».

Co gallo precisamente de dar resposta ás peticións que se rexistraban o Bar Alimentación Cristimil dispuña dunha licenza de venda de mercadurías de todo tipo e outra que era específica para o bar. Comentaba a propia Esther Blanco que dita licenza lle permitía vender «dende un peine ata un abrigo de visón». Este último artigo non chegou aos andeis da tenda pero si un amplo surtido de roupa de cama e de recén nado, mudas interiores, almofadas, fíos, xoguetes, todo tipo de utensilios de ferretería «e mesmo tiñamos licenza para vender lotaría».