«Estamos a favor da reciclaxe, pero non que se xeren dez empregos á conta de contaminar»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de barrio de Botos, José Cuñarro, despois de asistir á reunión informativa que ofreceu o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, ten claro que se abre unha etapa de novas xuntanzas encamiñada a «loitar para que a empresa de reciclaxe de pneumáticos non se asente en Botos, que é no que estamos de acordo os veciños», salientou.

-Xurdiu algunha iniciativa concreta por parte da veciñanza?

-Primeiro hai que mirar ben a situación en que está a empresa e logo valorar a posibilidade de presentar alegacións. No encontro acordouse que o PP e Petón do Lobo volverán reunirse para ver por onde podemos tirar. O 90 % coincidimos nun punto e é en que hai que reciclar, pero non que se xeren uns dez postos de traballo á conta de contaminar toda a zona. Tampouco dicimos que haxa que levar a planta para outro sitio da comarca, pero Botos é un polígono industrial urbano. Hai que empezar por aí e por que está entre dous ríos. Non estamos en contra da reciclaxe, mellor reciclar que atopar logo as rodas polo monte ou tapando os silos, pero creo que hai que buscar outra alternativa. A empresa no seu proxecto fala de verter a dous ríos, non entendo nada. Algo raro hai en todo isto.

-Pensa entón que se está actuando tarde?

-Cando chegaron con esta proposta a Lalín creo que tiña que haber xente cualificada que lles dixesen que non podían asentarse no polígono de Botos. Non se pode matar á cidadanía pouco a pouco, non directamente, claro.

-A futura implantación desta empresa pasou a ser un tema político?

-Non é un tema político. Outra cousa é que o único que se puxera en contacto cos veciños fora José Crespo. Non temos a culpa e estamos abertos a escoitar a todo o mundo. Se o goberno quere vir que nos chame, facemos reunións e as que se precisen, pero non podemos esperar. É momento de reaccionar.

-O alcalde insistiu en que non outorgará licenza á empresa mentres sexa rexedor.

-Vale, pero se a empresa cumpre todos os requisitos esixidos, que pasará? Quen nos garante aos veciños que non se lle dará entón licenza? Poño un exemplo: eu son empresario e quero asentarme nun polígono e cumpro todos os requisitos que me piden, pois o Concello ten que darme licenza xa que do contrario teriamos serios problemas o Concello e mais eu.

José Cuñarro é alcalde de barrio e presidente da comisión de festas de Botos