«A boa formación escénica pode ser unha axuda á hora de ensinar»Posta en escena.Narración e música.

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Con Inacio Vilariño leva ao Festival Bacanal de Cuba a obra «Auga que non vas beber»

18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dándolle as últimas voltas á viaxe aténdenos Almudena Vidal Varela (Antas de Ulla) que dende mañán e ata o vindeiro 25 de novembro participará coa compañía teatral Fantoches Baj de Lalín no Festival Bacanal de Teatro de Títeres para Adultos 2018, que se celebrará en La Habana. Unha cuarta edición deste encontro que reunirá a artistas e agrupacións cubanas e internacionais especializadas no teatro de títeres, sendo a compañía lalinense a única española asistente.

-Profesora de música de profesión e apaixonada polo teatro, dende cando?

-De nena, cando había algo e se podía. Trabei amistade con Inacio (Vilariño) cando estudaba en Lalín, cando tiña dezaoito anos, e xa daquela fixen algunha colaboración con el. Creo que a influencia dos grupos de teatro e de títeres de Lalín marcounos a todos, iso e a literatura. Moitos dos da miña quinta pasamos ben horas no taller de Viravolta remexendo nas teas, mirando os monicreques en plena facturación...

-A música tamén na súa vida dende a nenez.

-Si. Comecei estudando guitarra e coro. Máis adiante estudei viola en Lalín e participei na orquestra do conservatorio lalinense. Rematei os estudos de guitarra con Tomás Camacho no Conservatorio Superior de Vigo e os de viola por libre no mesmo; perfeccionei estudos deste instrumento con David Quiggle, na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, e no Brabants Conservatorium de Tilburg (Holanda). Na actualidade traballo como profesora de música en secundaria dende o ano 2001, despois de licenciarme en Historia e CC da Música pola Universidade da Rioxa.

-No eido musical tamén tivo colaboracións con distintas formacións.

-Si coa Coral Polifónica de Agolada, a Orquestra Clásica de Vigo e a Orquestra 430, os coros de Cámara A Laranxa e Falan os Sons, e outros proxectos. Tamén salientar que formo parte da xunta da Asociación do Profesorado de Música de Secundaria de Galicia (Asomúsica) dende hai dez anos.

-E chegou a estudar teatro?

-Nunca cheguei a estudalo aínda que era das que sempre se apuntaba ás obras que podía no colexio e máis tarde no instituto. O teatro é algo que me atrae dende pequena.

-Viaxa a La Habana para tomar parte nesta colaboración coa compañia Fantoches Baj, participara noutra obra recentemente.

-Si foi alá no 2015 en que Fantoches estreara o traballo «Rodarirrodari», unha obra na que tocaba e cantaba principalmente. Aquí son tamén actriz principal, un cambio grande dentro do que viñen facendo ata a data!

-Como se conxuga ensino e teatro?

-O ensino ten, sen dúbida, cousas complicadas pero algo estable que temos é o calendario e o horario, polo que dentro do que cabe foi bastante doado encaixar os ensaios desta obra. Iso sí non contaba eu que fose un proceso tan longo e que me custara tanto! Non é fácil artellar unha peza coma esta que levamos a Cuba.

-Considera que o teatro pode axudar a ensinar mellor ou a facelo doutro xeito?

-No meu caso concreto foi ao revés por levar moito máis tempo ensinando. Estar ao frente dun grupo de persoas das que tes que captar a atención, falarlles claro, manter unha presenza... creo que todo iso me axudou a min neste caso concreto, pero estou segura que unha boa formación escénica debe de ser unha axuda importantísima á hora de ensinar, xa que se trata tamén dun proceso de comunicación.

Posta en escena. A obra inspírase na figura do cego con monifates.

Narración e música. Inacio Vilariño, autor e director da compañía, encarna os papeis de narrador, do padre Damián e do muiñeiro Xosé, e Almudena acompaña musicalmente a peza ao tempo que fai de Carolina.

«É un traballo basado nos contos populares sobre curas, dentro da tradición oral»

A compañía lalinense Fantoches Baj ten previsto realizar tres pases en La Habana do seu espectáculo «Auga que non vas beber».

-Cal é o fío condutor desta obra?

-É a historia que creou Inacio xuntando coplas, romances, contos populares... e dos que sae o material narrativo do que lle acontece aos tres personaxes principais. É un recital satírico para monicreques onde destacan diversas cantigas populares como «A saia da Carolina, O sermón do padre Damián ou O cura está malo», entre outros cantos e contos que remiten sempre a unha memoria colectiva de transmisión oral. O autor enlaza para contar as aventuras e desventuras amorosas do muiñeiro Xosé coa Carolina, baixo a libidinosa tutela do padre Damián... Digamos que é unha obra basada nos contos populares sobre curas, dentro da tradición oral.

-Cando está fixada a primeira representación?

-O primeiro, segundo os organizadores do festival, está para o próximo día 22 que será no Patio do Preuniversitario Saúl Delgado ás 19 horas. Haberá espazos de convivencia e un pequeno cabaret polas noites con compañías cubanas e no que tamén teremos cabida ás que estamos no festival. A programación é ampla e contaremos co acompañamento musical en directo da Coral Leo, dirixida por Corina Campos.

-Hai outras vindeiras colaboracións á vista?

-Non de momento, aínda temos que espremer máis desta obra. Agora é cando realmente colleitamos seus froitos. Habemos ver máis adiante!

-Que é o teatro?

-Felicidade. Sobre todo porque ao principio a obra facíaseme difícil de asimilar ao igual que meterme no estilo pero agora paréceme divertidísima!