Pablo Senande: «Se incumples os estatutos hai expedientes, e Juan José Cruz e Camilo Conde foron expulsados»

La Voz

LALÍN

rober amado

06 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ciudadanos iniciou en Bermés e Cercio encontros no rural para escoitar aportacións veciñais ao programa electoral que ultiman. O coordinador local, Pablo Senande, cifra en preto de 30 os afiliados.

-O seu grupo local leva seis meses e dous expedientes a afiliados, hai democracia en Cs?

-Si, totalmente. E hai máis de dous expedientes abertos, e expulsados hai máis de un. Este é un partido totalmente transparente e democrático, quen se afilia ten que entender que para facelo suponse que estás próximo ao seu ideario. Se te afilias suponse que respectas o ideario, as siglas, os compañeiros ... Se non o respectas e incumples os estatutos, ábrense expedientes. Camilo Conde observou o partido, foi a charlas e atreveuse sen ser afiliado a dar algún discurso e facer reunións en nome do partido; afiliouse e viña cunhas ideas que nada que ver con Cs; manifestou que ía encabezar unha lista como alcaldable, o que vai en contra dos estatutos: como consecuencia expulsión inmediata.

-¿E Juan José Cruz?

-Hai tempo xa dixen que nin Juan José Cruz era Cs nin Cs era Juan José Cruz. Sacou nota en contra de min, que eu non daba o perfil de coordinador, iso é ir en contra dunha decisión do partido. A raíz de aí foi acumulando expedientes ata que está expulsado do partido. Outra cousa é que non lle interese a el que se saiba. E hai outro afiliado que viña do mesmo partido, e marchou el.

-Séntese cuestionado polas críticas tamén en redes sociais?

-Para nada, nas redes sociais cada un é libre para escribir a súa opinión. Cruz, ¿a quen non critica? Usa a técnica de falar en terceira persoa: ‘dixéronme, falo en nome de, non é que o diga eu ...’

-Dende o goberno dixéronlles que están no ‘parvulario político’.

-Nós non somos políticos profesionais, vivimos dos nosos traballos, estamos agora 12 persoas no grupo de traballo, e cada un cotizou o que cotizou. Dalgúns dos que nos critican a ver quen pode dicir o que leva cotizado en traballo. Do goberno lévome ben con todos ?con Rafael falei unha vez na miña vida? e é ao que se adican. Nos plenos son rifi-rafes Crespo-Rafa, Rafa-Cruz ou Cruz-Crespo, con insultos, menosprezos ... Eso para min non é gobernar, é moito ego persoal, moito orgullo malo. Conde, Rafa e Juan formaron un partido, normal que os tres compartan a mesma educación e formas de actuar. Para min iso non é política.

-Hai polo menos oito listas, vai ser unha lotería?

-Non. Cs xurde grazas a estes partidos, a 20 anos de PP e 4 anos escasos do cuatripartito: xente que segue estancada na antigua política, nos clientelismos. Nós chegamos con total transparencia e humildade, queremos que os cartos do Concello de Lalín se gasten cos veciños, que non se usen para intereses particulares e menos con intereses partidistas. Queremos que todos os veciños teñan uns servizos mínimos garantizados, e poidan achegarse a falar co alcalde con indepedencia da súa cor política. Devolver Lalín ao posto que lle corresponde a nivel autonómico, e antes de facer polígonos novos encher os que temos, sen frenar a ningunha empresa.