Por que quero volver ser alcalde de Lalín

José Crespo

LALÍN

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de anunciar que en maio de 2019 encabezarei a candidatura do Partido Popular á Alcaldía de Lalín véxome na necesidade de explicar e compartir as razóns, tanto persoais e individuais como colectivas e alleas, que me levan a asumir este novo desafío político.

Quero comezar dicindo que entendo que poida haber xente que pense que despois de 25 anos como alcalde e tras perder o goberno -a pesares de gañar as eleccións de 2015 cunha ampla marxe- quizais o máis aconsellable sería deixar paso. Seguramente tamén haberá quen pense que o que me move é aferrarme ao poder ou un comprensible desexo de revanchismo político. Pero nada máis lonxe da realidade. A principal razón de embarcarme neste novo desafío é que, despois de adicar 25 anos da miña vida a este pobo ao que lle debo todo, dóeme especialmente asistir á involución que está a padecer Lalín en moitos aspectos e dóeme presenciar como se dilapida en catro anos unha herdanza política, a dun Lalín de referencia en toda Galicia, que tanto tempo e esforzo custou conseguir.

Penso que os gobernos que tiven a honra de encabezar durante 25 anos contribuiron a levar a cabo a maior transformación e modernización da historia deste concello e ese é o Lalín que queremos seguir proxectando e construíndo. Porque aínda que nos gusta presumir do Lalín envexado e punteiro que axudamos a crear, non queremos aferrarnos ao pasado senón que queremos enfocarnos cara ao futuro. Queremos culminar a transformación de Lalín cun proxecto político renovado, baseado na planificación, na igualdade de oportunidades, na unión e a cooperación, na concordia e o entendemento coas demais administracións e, sobre todo, nunha xestión responsable pero ambiciosa, con altura de miras. Os catro anos dun mandato municipal non poden empregarse simplemente para poñer parches e para emprender tarefas que nos regalen titulares inmediatos ou que busquen un froito pasaxeiro para poder presentar nas eleccións unha folla de servizos aparentemente favorable. É certo que non se poden deixar de atender as urxencias, pero é igualmente importante ter unha mirada estratéxica e sementar o presente de ideas, proxectos e decisións valentes para conseguir que o futuro dos nosos fillos sexa mellor que o noso presente.

Basicamente por isto, porque creo que un futuro mellor para Lalín é posible, é polo que decidín non só non dar un paso ao lado, senón todo o contrario, dar un paso ao frente para tentar liderar unha nova etapa política que nos permita volver situar a Lalín como un referente para toda Galicia. Persoalmente, síntome con gañas e con ilusión e, modestamente, penso que pola miña experiencia podo axudar a conseguilo se nos facemos merecedores do apoio maioritario dos e das lalinenses.

Nos últimos meses percibo máis ca nunca o alento da xente e iso anímame tamén para traballar aínda máis, se cabe. Sinto o apoio dos votantes e simpatizantes do PP de toda a vida, pero tamén a confianza recuperada de veciños e veciñas que deixaron de votarnos en 2015 e que, despois de comparar e ver como é realmente a alternativa -unha cousa é o que prometían e outra ben distinta a realidade-, volverán darnos o seu apoio sen ningunha dúbida. Paradoxicamente, incluso me transmiten folgos persoas tradicionalmente vinculadas a outras ideoloxías ás que o seu amor por este pobo non lles permite ser cómplices de certas actitudes autoritarias e sectarias e de decisións manifestamente erradas do actual cuatripartito.

Por suposto, sinto tamén o apoio incondicional do meu partido e do presidente rexional, Alberto Núñez Feijóo, e todos estes ingredientes mesturados foron o caldo de cultivo apropiado para comprometerme a adicar cabeza, corpo e corazón e a dar o mellor de min mesmo para tentar construír unha maioría aberta a todos que nos permita recuperar o goberno de Lalín. Ese é o obxectivo e para logralo conto con todos e todas vós.