Avelino Souto: «Propuxemos cinco grandes retos para mellorar o futuro deste país»

amelia ferreiroa

LALÍN

miguel souto

23 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de catro intensos días de traballo rematou o programa GeneradorEs, organizado pola firma Coca-Cola España, no que participaron 25 mozos de distintas disciplinas entre os que estivo o mozo gandeiro lalinense Avelino Souto, en representación de Galicia.

-Xornadas nas que se mesturaron debate e formación.

-Que ninguén pense que foron días de festa aínda que nos deitamos moi tarde... Foi un programa moi intenso no que xurdiron cinco retos, e en equipos intentamos resolvelos a través dunha metodoloxía; logo estivo a parte formativa, onde contamos coa presenza de Alex Sicart, un rapaz que comezou a programar con só dez anos; Juan Verde, que foi asesor de Barack Obama, e Belén Atienza que produciu películas tan coñecidas como Lo imposible, Jurassic World ou Un monstruo viene a verme.

-Cales foron as temáticas que se propuxeron?

-Cambio climático, política, inclusión social, educación e novos modelos de negocio foron os temas sobre os que traballamos e presentamos cinco retos para mellorar o futuro deste país. Organizar aos usuarios que van en coche a traballar aos polígonos nunha plataforma para evitar atascos e minguar a contaminación foi a proposta en cambio climático; mellorar a educación superior, normalizar a inclusión dos rapaces nun espazo de lecer ou conectar máis aos novos coa política foron algunhas das ideas que deixamos encima da mesa e agora correspóndelle á empresa organizadora darlle contido a todo ese traballo.

-Como valora a experiencia?

-Foi unha experiencia extraordinaria a que vivimos en Madrid, penso que todos os participantes. Creouse un estupendo grupo de traballo, mozos de disciplinas moi dispares que xa falan de facer unha acampada de verán en Lalín... Non teñen nin idea de vacas e queren vir velas. Xa lles dixen que non hai problema e que a vindeira becerra que me naza chamarase Generadora (risas).