A hostalaría lalinense aportou 7.000 euros para As Dores

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

rober amado

Alugar 3 barras suporía ingresar 15.000 euros, según a comisión

02 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Á espera de sentarse coa hostalaría local, a comisión de festas de As Dores de Lalín non rebaixa un chanzo o seu malestar polas aportacións do sector para cos festexos, e ameaza con levar as actuacións do próximo ano a un recinto pechado. «Queremos reunirnos con eles e se non colaboran económicamente co que consideramos oportuno, as orquestras irán para o campo da feira e nós encargarémonos persoalmente da explotación das barras e sentimos moito que paguen xustos por pecadores», sentenciou Paula Fernández. Unha hostalaría local que aportou para as pasadas festas patronais 7.000 euros, según datos de Luis Miguel un dos integrantes da comisión. «Podemos dicir que non chegou a colaborar ben o 50 % da hostalaría», apuntou.

A comisión apuntou que, malia a escasa aportación económica non quixo prexudicar ao sector; «veu unha persoa que nos quería alugar tres barras para as actuacións das orquestras Paris de Noia, Panorama e o Combo Dominicano e dábanos 15.000 euros. Non alugamos para non facerlle competencia ao sector e mira o resultado». As críticas dos integrantes da comisión pasan tamén polos malos modales dalgún hostaleiro «que nos botou literalmente fóra do seu negocio cando lle fomos a pedir, non para nós senón para as festas» e outros prometeran colaboración se lle ubicábamos unha orquestra na zona e non deron aínda os cartos».

O déficit final das festas deste 2018 coñecerase nos vindeiros días, unha vez se materialice unha reunión de toda a agrupación, que podería desenvolverse o vindeiro venres pero ata entón seguen apelando á colaboración de todos aqueles que aínda non fixeron aportacións. «E os que tanto critican tamén están a tempo de sumarse a esta comisión que ten que seguir para o ano para facer frente á débeda». Comezar a traballar canto antes e ser cautos e máis austeros cos vindeiros festexos son algunhas ideas que se barallan xa para o 2019. «Se as cousas seguen así haberá que suprimir cousas para o ano que ven e facer un programa máis austero». Outra das iniciativas que podería materializarse de cara ao vindeiro ano será acadar a colaboración das comunidades de veciños para coas festas. «A idea sería que o presidente da comunidade recade entre todos os veciños uns 5 euros por vivenda, e se todos fan o mesmo xa poderiamos ter unhas festas extraordinarias». Unha comunidade veciñal xa colabora e se anuncia no libro das festas.