«O foco hai que poñelo neles e deixar de cuestionalas a elas»

amelia ferreiroa

LALÍN

Cedida

Coincidindo coas festas de As Dores artellouse un Punto Violeta ao que foron centos de persoas

27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Punto Violeta de Lalín que foi coordinado dende a Oficina de Igualdade, coa participación da comisión de festas de As Dores, Asociación Feminista Azos, Policía Local, Garda Civil e Protección Civil e con recursos persoais e didácticos do Servizo de Igualdade da Deputación estivo operativo ao longo dos cinco días de festexos locais. Nos obxectivos do punto estaba informar e sensibilizar á poboación ante posibles agresións sexistas, segundo apuntou a técnico de Igualdade Susi Payo.

-Hai bastante desinformación sobre a violencia sexual ou respecto de calquer tipo de violencia.

-Pasou moita xente polo Punto Violeta?

-Achegáronse centos de persoas, sobre todo xente moza que é a poboación diana, e é fundamental sobre todo para deixar de responsabilizar ás potenciais vítimas, cuestionando como ía vestida, se a saia era moi curta ou se o escote moi baixo... O foco hai que poñelo neles, nos agresores, e deixar de cuestionalas a elas. O máximo responsable é o agresor e non a vítima, e temos que ter coidado con esto.

-Sería preciso manter este tipo de puntos informativos?

-Son iniciativas sempre positivas. Rapazas e mulleres síntense culpables e non toman as medidas axeitadas por medo ao rexeitamento, comentarios crueis ou polo feito de que seguimos poñendo etiquetas sobre elas e non sobre eles... Teñen dúbidas á hora de poñer unha denuncia e hai que romper con iso. Non hai xustificación algunha de que unha muller ou rapaza sufra algún tipo de violencia. Nada xustifica a violencia.