Falta por reunir 75.000 euros para as festas de As Dores

A comisión pide axuda para afrontar os 150.000 euros de custo


lalín / la voz

A dous días para que se abran oficialmente as festas patronais de Lalín, a comisión organizadora insiste na necesidade de que se active a colaboración económica para cos festexos xa que «a día de hoxe -por onte- estamos moi mal», sentencia Paula Fernández. As festas de Lalín van a case 150.000 euros e «fáltanos a metade do programa por xuntar. Agora mesmo estariamos na metade, e contando xa coa axuda do concello que son 50.000 euros».

Unha situación económica extremadamente delicada que levou aos membros da comisión de festas a levar a cabo petitorio pola vila malia que, a intención, subliña Felipe Varela «era que os ingresos se fixeran todos na conta bancaria que está aberta ao efecto».

O petitorio tampouco logrou incrementar en demasía as mermadas arcas para as festas. Aportacións que, en xeral, foron bastante cativeiras. «É certo que algún particular nos dou 50 euros para as festas, e está moi ben, pero noutros moitos casos nin abren a porta. A idea era centralizar todo na conta pero como imos tan mal decidimos facer o petitorio, coller tempo de onde non había e para rematar cun mal resultado», remacha Varela. Co gallo de tentar aumentar a recadación e aproveitando a celebración da feira onte integrantes da comisión venderon rifas para o vindeiro sorteo do gran escaparate, e mesmo lle amosaron ao público un dos regalos; o coche. «As rifas poden seguir mercándose ata un par de días antes do sorteo, que será coa Once do 28 de setembro venres, nos distintos establecementos da vila. Cada boleto custa un euro e o talonario de 10 véndese a cinco euros».

No escaparate non só hai un coche senón tamén un televisor, licores e cervexas, unha fin de semana nun balneario,... pero que tampouco consegue despertar o interese dos veciños. «Fixemos 100.000 rifas e non están vendidas a metade», suspira Paula.

A falta de colaboración para coas festas non é nada novo, apuntan os membros da comisión. «A xente pón pegas por todo: a farola que non alumbra, falta de limpeza, un colector de lixo que falta... logo están os que queren unha orquestra diante do seu sitio e é imposible, máis cos escenarios que traen actualmente as orquestras. Atopas tamén xente que opina que as festas debe de pagalas íntegramente o Concello. Nós non o vemos así. Pensamos que os cartos dos nosos impostos deben destinarse a outras cousas que fagan falta. Son todas excusas de malos pagadores e penso que non lle facía dano ningún a Lalín quedar un ano sin festas», reflexiona Paula.

E namentras se segue apelando á colaboración de todos para que as festas non pechen con déficit, os programas de man están na rúa reflectindo algunha novidade coma unha tirada de fogo o martes dende a avenida Xosé Cuíña ou a actuación dunha orquestra na Praza da Marina «que levaba anos sin nada».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Falta por reunir 75.000 euros para as festas de As Dores