Pintura e forxa con visita a Aciveiro

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

A mostra no mosteiro invita a desfrutar doutros rincóns como as neveiras de Fixó e o miradoiro de Grobas

16 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante os fins de semana deica mediados de outubro permanecera aberta a exposición conxunta do pintor Xosé María Barreiro e do artesán da forxa Xosé A. Lalín, nunha sa do Mosteiro de Aciveiro no concello de Forcarei. Boa ocasión para percorrer as dependencias do mosteiro cisterciense e con algo de sorte a igrexa monacal monumento histórico artístico dende 1933, que tivo notable presenza na historia das terras de Montes, Deza e Tabeirós. E se sobra tempo, achegarse as neveiras de Fixó e ao miradoiro de Grobas, seguindo a sinalización que se dispuxo recentemente.

A parroquia de Santa María de Aciveiro ven de celebrar as festas patronais na honra da Nosa Señora e San Roque cun excelente programa e grande participación. De entre as actividades destacaba a exposición conxunta que foi inaugurada o pasado día 8 no comezo dos festexos con obras de Barreiro e Lalín, dous artistas locais ben coñecidos nas terras de Montes e Deza, correndo coa organización a Asociación de Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes sendo o socio Manuel Villaverde Doval o comisario da mesma .

Xosé María Barreiro Gómez, (Dúas Igrexas-Forcarei, 1940) colga vinte serigrafías con temática galega a maior parte, entre elas a que serviu para cartel da 40ª Feira do Cocido de Lalín. Amigo e admirador de Laxeiro, Colmeiro, Seoane e Palmeiro entre outros grandes pintores galegos, ten exposto en máis de trescentas ocasións en distintos países de Europa e América.

Pola súa banda Xosé Antonio Lalín Villaverde (Aciveiro-Forcarei, 1977) artesán da forxa que aprendeu o labor do mestre Antonio Campos, compaxina a forxa artesá coa artística no seu taller de forxa en Taboadelo desta parroquia de Aciveiro, mostra aquí sete obras, logo de ter presentado traballos noutras exposicións individuais e colectivas da comarca de Deza.

Á sa de exposicións acédese pola entrada do mosteiro polo que é doada unha vista ao exterior do célebre cenobio que fundado no século XII e que tivo vida monacal deica a desamortización de medido o século XIX, e que fora incendiado e medio arrasado polos invasores franceses e finalmente restaurado no 2006, para ser cedido un Hotel- Monumento que só abre as portas para os eventos que alí organiza. Tamén se pode visitar a igrexa monacal, unha verdadeira catedral rural con enterramentos dos Deza-Churruchaos, se concorre coas horas de culto ou se solicita aos encargados da exposición. E se sobra tempo poden achegarse deica as «neveiras» do Candán que pertenceron a este mosteiro e que en tempos recentes foron rehabilitadas podendo accederse dende o lugar de Fixó seguindo a sinalización e paneis que se dispuxeron, e se queda tempo, rematar no miradoiro de Grobas que ofrece boas panorámicas da Serra do Candán e da aldea abandonada dese nome.

A exposición pode visitarse os venres, sábados e domingos deica o día 14 de outubro, de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.00 horas.