«Somos máis ca unhas caras bonitas, dámoslles voz ás persoas necesitadas»

La Voz

LALÍN

miguel souto

Marcha hoxe cara a Rota, onde participará o día 15 na fase nacional da competición

09 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sendo moi cativiña dicía constantemente que de maior sería modelo. Nada facía presaxiarlle a Silvia Lorenzo Mato naqueles anos que isto pasaría a converterse nunha realidade. Recoñece a moza que non se lembra con nitidez dese seu desexo infantil pero que súa nai, agora, e ante os vieiros que está tomando a súa traxectoria, lémbrallo de cando en vez. Natural de Pedroso (Rodeiro) é a representante da provincia de Pontevedra no Miss World Spain que se celebrará en Rota en menos dunha semana.

-Fisioterapeuta, estudante de Medicina e modelo. Cando xorde o seu interese polo mundo da moda?

-Estando na Coruña comecei con algunhas fotografías que me fixeron Aurora Díaz e Dani Vázquez, xurdiron algúns desfiles en Barro, en Lalín... chegou a opción de presentarme ao certame de miss e resultei elixida.

-Semella todo moi doado... Fíxoo así, de forma individual?

-A verdade é que si. Certo que despois, unha vez que me elixiron, díxenllo a miña nai e levou unha enorme alegría.

-O mundo da moda e das pasarelas é tan complexo como nolo pintan?

-É un mundo moi complicado e, en xeral, a xente ten unha idea totalmente equivocada do que é todo este mundiño. Somos máis ca unhas caras bonitas, dámoslles voz ás persoas necesitadas. A función principal deste tipo de certames é poder deixar falar aos que o precisan.

-De que maneira lle dan voz ás persoas con necesidade?

-Cos proxectos que presentamos cada unha de nós no certame. Ten que ser un proxecto social e no meu caso está centrado nos anciáns... Non somos, pois, unhas meras flores como dixen antes. De feito, o lema de Miss Mundo é «beleza con propósito». Así, a gañadora, dentro dos premios que recibirá, terá a posibilidade de financiar un proxecto social.

-Emprende viaxe hoxe mesmo cara a Rota para xuntarse con outras moitas aspirantes ao título, cantas son?

-Pois penso que unhas cincuenta. Non será nada fácil. Estaremos toda a semana en Rota, cun programa intenso de actividade, antes de participar na gala final que se celebrará o día 15.

-Para tomar parte nun certame de beleza destas características haberá que ter talle e peso determinados?

-Iso é o que pensa unha inmensa maioría, pero non é certo. É sorprendente, pero non existe unha táboa de baremo de talles e peso. Creo que a estas alturas, e a piques de marcharme para o certame nacional, penso que os organizadores non saben nin canto peso. Aí che digo todo! Son certames que se ven como algo meramente superficial, rapazas e rapaces monos, pouca cabeza e nada máis... Desterrar esa crenza levaranos tempo.

-Coñece persoalmente a algunha das outras aspirantes españolas?

-Pois por sorte coñezo a Miss Ourense, xa que participei con ela nalgún desfile e sempre é importante atoparte con algunha cara coñecida.

-Aposta polas tendas locais á hora de elixir os modelos de festa para a gala?

-Si. A organización do certame deixounos escoller as tendas e os modelos cos que imos participar na fase nacional, e eu apostei pola tenda Karen Moda, de Karen Fernández Lamela de Lalín. Dos vestidos só podo dicir que fixemos unha escolla de cinco modelos, todos preciosos, pero a maior dificultade radica en que temos que elixir un para a final e está sendo non difícil, dificilísimo... Non acabamos de poñernos de acordo, xa que nos gustan todos (risas).

«A beleza exterior vaise. O mellor é o comportamento e ser, sobre todo, unha boa persoa»

Facerse un oco no mundo da moda e dos desfiles non está ao alcance de todos malia ao esforzo, intencionalidade e desexo de quen pugnan por darse a coñecer, de aí a «conveniencia de seguir formándose». Con 23 anos Silvia é fisioterapeuta e axiña comezará a estudar Medicina.

-Estiven case dous anos traballando en Clínica Deza, posto que deixei para seguir estudando.

-Cursará Medicina, faino por algo en particular?

-A miña intención é facer a especialidade de cirurxía cardiotorácica, se é que logro chegar aí. Meu pai faleceu de cancro de pulmón anos atrás e paréceme que sería un xeito de poder axudar aos que teñen a mesma enfermidade.

-Moda, desfiles e certames están ben, pero sen descoidar a formación.

-Claro. Penso que calquera persoa debe formarse naquilo que máis lle guste. A beleza exterior vaise co paso dos anos. O mellor é o comportamento e ser sobre todo unha boa persoa, ser solidaria e comprometida para facer deste mundo un sitio mellor no que vivir.

-Animaría ás mozas a tomar parte en desfiles?

-Se lles gusta, claro. De todos os xeitos penso que o máis importante é que se queiran a si mesmas moito e despois que decidan o que queren facer. Temos xente moza moi válida... Rapazas que traballan ou que están na procura dun traballo, mozos que loitan por un país mellor... Creo que hai unha xuventude seria e cabal e, de feito, os da miña promoción de fisioterapia estamos todos traballando.

-E se gaña o certame, a quen será a primeira chamada?

-A miña nai, sen pensalo. Non me pode acompañar a Rota, pero estará dándome alento. Non será fácil facerse co título, pero quen sabe o que pasará.