Unha malla moi grande, feita por xente miúda

Manuel Blanco

LALÍN

rober amado

21 ago 2018 . Actualizado a las 21:32 h.

Cando fai agora 19 anos, xunto cos veciños de Codeseda, nos puxemos a organizar a primeira recreación histórica da Malla na Comarca de Deza, non podiamos imaxinar nin no máis optimista dos nosos soños que chegara a ter semellante repercusión mediática e social dentro e mesmo fora da Comunidade galega, como a acadada na XIX edición deste evento que tivo lugar o pasado sábado 18 de agosto, no lugar de Codeseda, no mesmo centro xeográfico e corazón de Galicia.

Naquel intre, eliximos a malla como actividade estrela do Museo, tendo en conta a súa relevancia histórica no eidos económico, antropolóxico e social, así como o profundo arraigo que mantivo durante séculos na nosa terra, aderezando a "volta á vida" da totalidade das modalidades coñecidas da malla, coa gastronomía máis enxebre, e coa música e as cantigas do cancioneiro popular galego. Todo iso ó aire libre, coa envoltura da impresionante contorna paisaxística e medioambiental, baixo un luminoso día de sol radiante.

Case dúas décadas despois, cada mes de agosto continuamos desenvolvendo de xeito continuado esta apaixoante actividade, sentíndonos moi orgullosos da súa plena consolidación e de tela convertida nunha verdadeira festa local, tanto para o lugar de Codeseda como para a parroquia de Doade, constituíndo ademais unha cita anual obrigada para milleiros de persoas, na que, ó mesmo tempo que gozamos dun espléndido día de especial celebración na compaña dos nosos veciños e amigos, estamos contribuíndo dun xeito decisivo a abrir unha fiestra ó mundo para mostrarlle a máis auténtica tradición, cultura e historia do pobo galego, revivindo durante toda a xornada unha das tradicións máis espectaculares, sacrificadas e importantes do mundo rural da Galicia interior.

O vindeiro ano, a malla terá lugar o sábado, día 24 de agosto do 2.019, vestíndose de gala para consumar a súa vixésima edición, para a que solicitaremos a catalogación de "festa de interese turístico de Galicia", por coincidir coa antigüedade precisa para obter este rango, único requisito que entendemos lle faltaba, por cumprir con creces tódolas demais condicións requeridas a tal fin. Con tal motivo, trataremos de contar cunha programación especial acorde coa solemne ocasión, facendo máis grande, se cabe, este histórico acontecemento.

No nome do Museo Etnográfico Casa do Patrón e no meu propio, quero expresar o noso máis profundo e sincero agradecemento que nos embarga nesta salientable data, perdurando os 365 días do ano, cara ós milleiros de galegos que colaboran, participan e se achegan ata a nosa querida aldea para celebrar cada ano con máis ilusión e entrega co anterior a gran Malla Tradicional de Lalín, que non só se mantén viva, senón que camiña inexorablemente con paso firme cara o alto fin de converterse nun referente etnográfico, cultural e turístico da Comarca de Deza e de toda Galicia, á vez que nos sentimos orgullosos e fachendosos de poder liderar e coordinar tan gran manifestación espontánea da ancestral cultura do noso pobo. Como sucede en tantas outras ocasións, as cousas máis grandes e importantes que dinamizan a vida da nosa Sociedade son producto da suma da dedicación e do traballo da xente pequena que, como todos nós, levamos a Galicia no corazón.