As mentiras do inquisidor

Juan José Cruz García

LALÍN

07 ago 2018 . Actualizado a las 21:01 h.

Tomás de Torquemada, martelo de herexes, pasou á Historia como o máis cruel censurador de morais alleas. No seu afán inquisitorial, primeiro sinalaba ás víctimas e despois fabricaba as probas. Non escatimou no uso de todo tipo de métodos de tortura. A súa autoridade non se basou na Xustiza, senón na tiranía do medo. Ensañouse especialmente contra os xudeus, quizais para intentar disfrazar que el mesmo foi nado nunha familia de xudeus conversos.

Son cousas do pasado,pero á vista do que acontece en Lalín parece que siguen existindo inquisidores que se pasean polas redes sociais alardeando do seu pseudointelectualismo, imaxinándose ser “luz e antorcha de la patria”, pregonando verdades a medias, manipulando datos e contándonos películas de ficción. Ós novos inquisidores gusta de escrutar as opinións críticas, perseguilas e condenar públicamente aos seus autores. Non vacilan en inventar, en estender rumores falsos ou en dar toques de atención.

Como se dunha burla do destino se tratase, o inquisidor supremo actúa cunha especial saña contra os “xudeus” que o viron nacer e o axudaron a crecer. De todos é sabido que o que máis fala é o que máis ten que calar. A incongruencia entre o que se di e o que se fai é algo tan frecuente que lamentablemente pasou a ser comúnmente aceptado como normal. Mentir ou fanfarronear sae barato. Quizais teña que demostrar que xa non quedan rastros da súa estirpe orixinal.

Ao inquisidor non lle importa a verdade, senón castigar aos que discrepan e a quen discute a súa autoridade. Se non hai probas fabrícanse. O inquisidor quere vestir de culpables aos inocentes. E detrás do inquisidor hai un séquito de fanáticos e abanicadores entusiastas que aplauden cada mentira, cada manipulación interesada e cada falso rumor ou invención para darlle maior apariencia de realidade.

O inquisidor guíase polo seu proveito. Non é estrano que o inquisidor e o seu séquito crean na censura, despois de todo, fixeron fortuna á súa conta. Esperan conservar a autoridade a costa de imponer a súa propia tiranía do medo. Por iso o inquisidor é herexe da súa doctrina, pero non lle importa. Parafraseando a Mae West: non lle importa perder a súa reputación, porque non a bota en falta. Prefire o proveito de perdela.