Retazos da parroquia de San Cristovo da Pena

Daniel González Alén LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

Quedou reducida e baixo o nome de Xaxán, que festexa estes días o San Benito. Contamos o pasado do lugar

10 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de referirmos no artigo anterior a antiga parroquia da Pena segregada e substituída pola de Xaxán e os restos da súa igrexa parroquial, ocupámonos neste dos achádeos arqueolóxicos e doutros aspectos históricos da antiga parroquia da Pena que abranguía boa parte das terras da actual vila de Lalín antes de que quedara reducida e coa denominación de Xaxán.

As pegadas dos habitantes da Prehistoria

Na parroquia de Xaxán localizase o coñecido por castriño da Barreira, para moitos un castro pequeno xa que non chega aos 40 metros de diámetro e ten muralla, parapeto e foxo. Para outros, unha grande mámoa rebaixada e aínda hai quen di que semella a base dunha torre medieval. Os veciños atribúen a súa construción aos mouros ao igual que o impresionante castro de Cotarelo (Goiás) que se atopa a menos dun quilómetro ao norte e co que o relacionan algúns investigadores, téndoo por un ante-castro ou unha torre vixía. Falta unha escavación rigorosa que poña de manifesto a súa cronoloxía e adscrición cultural.

A uns uns 125 metros ao noroeste do castriño, hai un campo de mámoas que pola proximidade ben poderían ter relación con el. Consérvanse tres túmulos aínda que están medio arrasados no medio dunha carballeira e as lousas que formaban o dolmen levadas para outras construcións (coordenadas, X: 572.416-Y:4.725.343).

Na parroquia hai outros dous campos de mámoas que localizamos en 2016 coa axuda do xeólogo vigués Óscar Pazos e que aínda están pendentes de catalogar. O máis interesante é o do Monte de García no que se localizan dous túmulos funerarios e hai testemuñas da existencia de algunhas mais que foron estragadas pola construcións das estradas e edificacións fabrís e familiares. A de maior tamaño está mesmo no cume dun couto cunha boa panorámica da vila e Lalín, e aínda dos lindeiros da omarca. Anda polos 30 metros de diámetro e os 2 de altura e na actualidade está cuberta de piñeiros. Ben merecía unha posta en valor pola súa situación e características (coordenadas, X:572.986-Y:4.724.629).

A uns 300 metros ao noroeste atopase a segunda das mámoas que se conservan, esta en terreo chan de toxal, medio arrasada e algo menor ca anterior, a pé do camiño que ía de García Sánchez a O Souto (coordenadas, X:572.802- Y:4.724.917).

O terceiro campo de mámoas, atopase a un e outro lado da estrada que vai de Lalín a Brántega, pouco antes do lugar de Delaparte (Goiás). Son dúas mámoas que están catalogadas e a situada a esquerda da estrada dun 20 metros de diámetro e 2 de altura, está atravesada por un valado de bloques. A uns 180 metros ao sur, está a outra mámoa, media arrasada por labores agrícolas e sobre a que pasa unha liña de alta tensión. E aínda temos pendente de estudo e catalogación outra mámoa inédita en Carragoso, da que daremos noticia próximamente, sen desbotar que poida aperecer algunha máis.

O lugar de Xaxán existía xa no século XIII

A primeira mención ao lugar de Xaxán atopámola nun documento de 1220 polo que Sancha Gómez cede ao Mosteiro de Dozón do que a súa irmá Urraca é abadesa, varios casais en «Saa, Or, Jaian y Lalín». Noutro de 1226, figura como «Iaiian» o que da pé a que podería ter o seu orixe no nome persoal «Iohannes Iohannibis» (Xan, fillo de Xan) o posuidor ou colono destas terras. En 1349 a Abadesa do Mosteiro de Vilanova afora ao Juan Martinez clérigo de San Cristovo da Pena, os casais de Jagan e pouco despois o casal de «Carregoso do Fundo» a un tal Lorenzo Pérez. E xa en tempos máis recentes a parroquia figura como «Jaján» no civil e no eclesiástico, ao ser castelanizado o topónimo

para finalmente pasar a o actual de Xaxán recoñecido oficialmente.

Catastro da Ensenada

No interrogatorio do Catastro da Ensenada de 1753 aparece a parroquia de San Cristóbal da Pena, na xurisdición de Deza sendo señorío da Condesa de Lemos que

cobraba «diezmos y primicia» ao igual ca o daquela cura párroco Andrés Sarmiento Villamarín, e os Cabildos das Cidades de Santiago e Lugo: «Principia su demarcación por el Lebante en el riego de Puerto de Ramos, de aqui a la pena Coba, por el Sur linda con el río Pontillón y xuntas del Río, por el Poniente con el marco de Cotiño de Corredoira, puerto das Cavirtas y Fuente das Meigas, por el Norte en la cruz das Abilleiras y Mamoa Caniñas y de aqui sigue a la primera demarcación». Como se pode comprobar, a parroquia da Pena abranguía boa parte das terras da actual vila de Lalín, os barrios e rúas do Areal, O Rodo, A Ponte, Cidade Xardín, García Sánchez, Carragoso, A Corredoira e incluso Feás. O Catastro da Ensenada tamén refire a existencia dun total de 24 muíños de unha moa, os máis deles no regato Pontiñas lindeiro da parroquia da Pena coa de Lalín e outras tantas alvarizas.

No século XVI construíuse nesta parroquia da Pena o pazo de García Sánchez que mostra escudos con armas dos Xil, Salgado, Gondín, que ben restaurado polos seus actuais propietarios chega aos nosos días. Case ao tempo ergueuse a casa señorial dos Teixeiro en Carragoso de Abaixo e un par de séculos despois a do Padronés en Feás.