Imaxes inéditas da aterraxe de Loriga

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Archivo de Lala Trabazo

Una multitude de familiares, autoridades e paisanos querían tocar «ao home que baixou do ceo»

24 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaban de cumprirse 91 anos da aterraxe do ilustre aviador lalinense Xoaquín Loriga Taboada no improvisado aeródromo do Toxo preto da vila de Lalín onde se concentrara unha multitude de familiares, autoridades e moitos paisanos que querían tocar «o home que baixou do ceo», segundo recollen as crónicas da época e as nosas publicacións biográficas. Aquela xornada quequedou para sempre marcada nahistoria de Deza sería inmortalizada con fotografías que xa se teñen publicado, as mais delas da autoría de Blanco da Coruña e tamén se fixera unha película da que ninguén sabe o paradoiro que a Sociedad Benéfica Hijos de Lalín en Buenos Aires lle encargara ao fotógrafo e cineasta galego Xosé Gil.

Daquel 23 de xuño de 1927 ofrecemos unha serie de catro imaxes inéditas cuxa autoría descoñecemos polo de agora, que nos foron xentilmente cedidas por ala Trabazo, que están gardadas no seu amplo e interesante arquivo familiar en Silleda. Malia que a calidade non é tan boa como desexariamos, o valor documental é indubidable. Nelas aparece o avión pouco despois de aterrar e o piloto rodeado pola multitude que o ergue ao lombo deica o coche do gobernador civil da provincia no que faría o percorrido deica a casa consistorial e igrexa parroquial de Lalín onde continuarían os actos na honra ao ilustre lalinense trala súa xesta do voo Madrid- Manila. As homenaxes populares de Lalín continuarían durante máis dun mes polas distintas cidades e vilas de Galicia e xa de volta a Madrid, case un mes despois no seu retorno a Madrid atopaba a morte nun tráxico accidente no aerodromo de Cuatro Vientos.

Nos arquivos das familias con raigame na comarca fica oculta e mesmo descoñecida fotos, documentos, recortes, notas,... que ben merecían saír a luz para o coñecemento do noso pasado que poderían ser gardadas nos arquivos municipais antes de que se perdan para sempre coma demasiadas veces te acontecido.

No arquivo de Lala Trabazo

Por sorte persoas coma Lala Trabazo, ben coñecida polo seu labor como concelleira en Silleda, fundadora da Asociación de Amas de Casa e moitas outras iniciativas no eido cultural e social de Silleda, poñen os seus arquivos a disposición de quenes andamos na procura de recuperar e divulgar a cada vez mais coñecida historia dezá. A maiores destas estampas que aquí achegamos, o seu arquivo garda importante información do municipio de Lalín, onde ten a súa ascendencia nas ben coñecidas familias Gutierrez, Taboada e Trabazo, e Silleda, onde o seu proxenitor Alfonso Trabazo, malia seu prematuro falecemento fundara unha importante empresa de transportes e mesmo fora alcalde na década dos setenta ao tempo que a súa dona Gloria Taboada Tábora, cuxa labor foi fundamental na compilación deste arquivo, atendía un establecemento comercial especializado en accesorios do automóbil e gasolineira e aínda tiña tempo para impartir cursos de máquinas de coser nos que moitas mulleres de Silleda aprenderon un oficio para progresar e mesmo mellorar as súas condicións de vida naqueles

anos.