Botos abre a quenda das fogueiras de San Xoán na zona

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

A organización espera á noite máis de trescentos comensais

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sardiñas, pan de millo, churrasco, fogueiras e música son os ingredientes perfectos para a noite máxica de San Xoán. Celebración que se vive con entusiasmo e participación en barrios e aldeas e que, nalgún caso, se anticipan á noite do 23 de xuño. É o caso da parroquia lalinense de Botos que fixou a cita para esta mesma noite «así non imos pisar a ninguén nas iniciativas que se marcaron e tamén polo feito de que nós comezamos co San Xoán tres anos trás cando fora festivo o 24 e este ano ao cadrar sábado pensamos que mellor a golpe de venres», a explicación parte de Pepe Cuñarro persoa implicada na organización dos festexos da parroquia nos últimos anos.

A escombreira do AVE, de titularidade do Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif), convertida nunha esplanada que se usa como campo da festa parroquial é onde terá lugar esta celebración á que se prevé asistan máis de trescentos comensais. «É difícil dicir un número exacto de participantes xa que ata o último momento estamos recollendo chamadas malia que o prazo de reservas estaba ata o mércores sempre pasa o mesmo e a xente reserva ao final en función da axenda e tamén da previsión do tempo». Un evento que podería rexistrar algúns menos asistentes que o ano pasado, recoñece Cuñarro, pola celebración da Noite Branca «ao haber xente que ten que traballar ata tarde e que en anos pasados estivo no San Xoán».

Unha festa que arrancará ás 22 horas cunha cea cuxo menú será a base de empanada, torresmos, churrasco mixto e sobremesa e na que non faltará a música. «En Botos é complicado que haxa un evento sin música», sentencia Cuñarro. Así a orquestra D´Moda e a discoteca móvil Eme Music serán os encargados de amenizar a verbena «que durará ata que o corpo aguante e é importante comentar que aqueles que non veñan cear con nós poden vir despois á festa que é aberta para todo o público». Unha parroquia que é a xuizo da comisión de festas unha das que máis eventos festeiros contabiliza ao longo do ano: presentación de orquestras, San Xoán, festas de verán e magosto. «É coma as festas de Lalín, cinco días de festexos, pero espalladas ao longo do ano e non seguidas como fan no pobo con motivo da celebración das Dores.