A Capri, unha cafetería de Lalín da época dourada de finais do século XX

daniel gonzález alén DATA / AGENCIA

LALÍN

Cedida

O pasamento de Delvia González, que rexentou o local, reviviu a súa relevancia na hostalería dezana

19 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Co gallo do pasamento Delvia Gonzalez, que en tempos fora dona e rexentara a Cafetería Capri de Lalín, familiares, amigos e veciños, ao tempo que sentían a súa perda, lembraban aquel célebre e concorrido establecemento no que a xuventude de Lalín do último cuarto do século XX tiña o seu punto de encontro e diversión. Era a época dourada das cafeterías que viñan a dar relevo aos antigos cafés, nos que mandaban as partidas de naipes, o fume e o coñac como bebida máis solicitada e a presenza das mulleres era testemuñal e sempre amparada polas súas parellas.

A principios dos sesenta inaugurábase a Cafetería Imperial na rúa da Ponte, ao retorno de Venezuela o emprendedor Pepe Brey, e deseguido foron abrindo outros establecementos: a Capr», a Granxa, Lord Jhon, Civeyvi, Campos,... mais ao gusto da xuventude e do publico feminino de entón.

A Capri curiosamente ocupaba o local da que fora escola de rapaces de Manuel Rivero no numero 22 da rúa adicada ao aviador Loriga e a familia moraba o primeiro andar do edificio que entoaba con tódolos da rúa que logo se iría estragando coa chagada da especulación urbanística dos setenta.

A señora Delvia, que así lle chamábamos os máis novos que iamos á cafetería polo seu ambiente e bo trato que se nos dispensaba, non era nova na hostalaría, xa que anos antes estivera a fronte do Bar O Refugio, un pequeno negocio situado nos baixos do Café López propiedade do seu pai Luis González, na rúa do Observatorio.

Ambos establecementos hoteleiros abriraos co apoio do seu marido Celso Blanco O Perkins, a quen sempre lembramos adicado ao transporte con camións propios e organizando as festas do chóferes e as patronais daqueles anos sesenta e aínda nos setenta, creando a Banda de Música dos Veteráns que había ser co tempo a Banda de Música Cultural de Lalín.

Volvendo á cafetería, compre dicir que a señora Delvia estaba axudada polos seus fillos Pili e Toño, que sintonizaban ben coa xuventude de entón que era maioritaria entre a clientela do negocio. E xunto aos da casa traballaban de camareiros Suso da Dulceira nos primeiros tempos e logo Severino, un mozo tan competente no traballo coma exquisito no trato cos clientes, que remataría no restaurante La Molinera sendo decote recoñecido coma un dos mellores profesionais do sector na capital do Deza.

A cafetería dotada dunha decoración avanzada e moderna para aqueles tempos, contaba cun reservado frecuentado polas parellas de noivos de entón onde soaba case sen parar unha máquina tocadiscos de moedas na que se ían intercalando pezas do Dúo Dinámico, Nino Bravo, George Damn, Manolo Escobar, Bee Gees, Juan Pardo ou Palito Ortega, e outros tan variados coma a propia clientela do local. Tamén dispoñía unha terraza para o verán que se instalaba na beira rúa disputándolle o espazo aos coches que entón aparcaban as dúas mans da estrada entón moi transitada.

Contra o que acontece en moitos negocios da hostalaría a Cafetería Capri, pechou en pleno éxito de publico. A casa foi derrubada para construír un novo edificio vendido en andares e no baixo, repartido en dous, puxeron os da familia unha zapataría. Debeu ser a primeiros deste século. Van aló case vinte anos e ninguén esquece aquela concorrida e animada Cafetería Capri nin a súa atenta e sorrinte propietaria Delvia González, que logo dunha vida plena e gozando do cariño e recoñecemento dos seus familiares e veciños ven de recibir o pasado sábado cristián sepultura e a quen adicamos esta apurada e sentida crónica polo seu pasamento.

Na foto que nos fixo Bernabé no ano 1972 aparecen a señora Delvia, xunto a Camilo do Café-Bar López e Manolo do Café Español, ramistas das festas daquel ano xunto a Celso O Perkins a quen agardabamos no establecemento para facerlles unha entrevista no xornal La Voz de Galicia en cuxas páxinas apareceu un anuncio da celebre cafetería no extraordinario das festas de fai case 50 anos.