«Coñezo todas as casas e ata o último recuncho do municipio»

La Voz

LALÍN

Rocío Ramos

A ligazón profesional de Plácido Rozas co Concello de Lalín acaba de rematar despois de case 37 anos de servizo

14 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o momento da xubilación para un dos lalinenses máis coñecidos pola veciñanza: o inspector xefe de obras do Concello de Lalín Plácido Rozas López, que atesoura case 37 anos de traballo «aínda que no concello levaba 44 anos», puntualiza.

-A explicación hai que buscala no feito de que meu pai era porteiro no concello, en época do alcalde Licho, e eu comía sempre alí o bocadillo.

-Antes de inspector xefe de obras foi policía local.

-Entrei ao mesmo tempo que Victorino Fernández no ano 1981, e de vello estaban Mariño, Barreira, Luciano e Fondevila. Non había nada. Nin recursos nin coñecementos. Íamos a pe, non tiñamos oficina, nin teléfono, nin coche... Regulabamos o tráfico nos cruces e os estacionamentos nalgunhas rúas, como a Principal, que eran rotatorios cada quince días. Posteriormente puxéronse semáforos na Areal e no Kilómetro 0 e eramos os encargados de poñelos a funcionar. A partir de aí cada dez anos fun ascendendo ata chegar a inspector xefe de obras.

-Profesionalmente quería ser policía local?

-Fixen maxisterio e ao suspender as oposicións optei por presentarme a todo o que saíra. Convocaron oposicións de varrendeiro ás que me presentei dúas veces; por certo que eramos só 4 opositores, había de ser hoxe xa verías canta xente! Logo finalmente saquei a praza de Policía Local. Non tiñamos medios e escasos coñecementos pero estábase ben, non tiven que marchar do municipio e incluso daquelas non se patrullaba de noite. O alcalde Cuíña foi quen o implantou paulatinamente.

-Lalín era un pobo tranquilo?

-Érao. A nós tíñannos menos medo que a Garda Civil. Digamos que eramos de terceira división. Non faciamos atestados pero estabamos aí para todo o que precisaran os veciños. Foi unha etapa dura pola falta de recursos. Eu lémbrome ir a Pontevedra á librería Seoane a mercar libros sobre policía local e lelos no coche.

-Faltaba formación?

-Moita. Os primeiros cursos formativos chegaron da man da Policía Nacional e foron en Vigo. Alí fun ao igual que a Asturias, Madrid... e sempre pagándoos do meu peto. Eu só quería saber, ter seguridade, saber actuar e facer axeitadamente unha notificación.

-Como se produce o cambio de Policía Local a inspector de obras?

-Mariño era o encargado dos tributos no concello, que naquela tamén se cobraba polos letreiros, e no momento en que faleceu pensaron en min por ser unha persoa con perfil de pacífico e negociador. Foi unha etapa de éxito na que me esforcei por mellorar e na que levei dúas vidas paralelas: o traballo no concello e a música que sempre foi e é a miña paixón.

-O mellor e o peor da praza?

-O mellor foi o poder evolucionar e o contacto coa xente que sempre foi moi san e o máis doloroso ter que denunciar. Foron miles de quilómetros percorridos ao longo destes anos. Cando se implantou o tributo do lixo fun casa por casa. Coñézoas todas e ata o último recuncho do municipio. Creo que falei con todas as xentes de Lalín, polo menos os máis vellos, xa que seguro que nalgún momento estiven na súa casa; ou nos petitorios das festas, da Feira do Cocido, algunha notificación...

-A que vai dedicar agora o seu tempo?

-Vou tocar a gaita. A música lévoa dentro dende neno. Eu só quería ter un grupo de gaiteiros e téñoo... Certo que me lembrarei do traballo que me axudou a consolidar a miña personalidade e do contacto coa xente que son os vixiantes do que fas.