Sobre a igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba: o importante, as persoas

Marcos Torres FIRMA INVITADA

LALÍN

13 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na pasada semana o bispado de Lugo recibía a notificación xudicial dunha denuncia presentada por unha das ascoiacións veciñais existentes no lugar de Lalín de Arriba, a Asociación San Martiño de Lalín de Arriba. Nesta denuncia solicítase á Xustiza que obrigue ao bispado a retirar a inmatriculación feita, no prazo esixido pola Administración, da igrexa de san Martiño de Lalín de Arriba. Os denunciantes baséanse no suposto dereito de propiedade adquirido por tódolos habitantes do lugar dende que hai un século varios veciños colaboraron coa compra de material para a construción da igrexa de santa María das Dores de Lalín a fin de que non se aproveitasen as pedras de san Martiño, como estaba previsto polo contratista para abaratar a obra das Dores. Nesta colaboración particular participaron, segundo consta en documento escrito, o bispo de Lugo e oito veciños de Lalín: o primeiro con mil pesetas e os restantes, en común, con mil cincocentas das mesmas.

Esta colaboración, lóxica nas actitudes que nacen da fe católica que esixe o uso dos bens privados para o ben común, fixo posible que a igrexa de san Martiño de Lalín de Arriba exista hoxe permitíndonos gozar todos dun templo histórico.

É mester sentir un fondo agradecemento cara eses veciños que, xunto co seu bispo diocesano, impediron coa súa colaboración na construción da igrexa parroquial de Lalín, a desaparición da igrexa de san Martiño. Así mesmo o agradecemento quedaría coxo se non se lembrase tamén aos cregos párrocos de Lalín que directa ou vicariamente asistiron á comunidade que en san Martiño se reunía para vivir a fe mantendo así, deste xeito, non só en pé senón tamén con vida o propio templo: don Sergio, don Antonio, don Victoriano e don Manuel, coa axuda de don José, e outros antes ca estes. Agradecemnto aos veciños e o bispo que evitaron o aproveitamento da mampostería dunha igrexa para a outra, párrocos e crentes de tantos lugares (non só empadroados no casco urbano de Lalín) que fixeron e fan da igrexa de Lalín de Arriba un coidado e fermoso lugar de encontro e oración fraternas e, tamén, de sincera admiración.

Polos que estiveron antes e polos que están hoxe e, con responsabilidade, polos que virán mañá, este edificio foi e é un templo católico utilizado polos católicos e gozado, coma todos, por calquera outra persoa, crente ou non.

Logo da denuncia presentada, algunhas persoas católicas consultaron que sería desa igrexa xa que son moitos os anos que levan asistindo alí ás celebracións litúrxicas e colaborando desinteresadamente co coidado do templo. Por estas dúbidas, desexo manifestar:

1- A atención á comunidade católica que se reúne en Lalín de Arriba foime encargada polo bispo de Lugo a través de monseñor Manuel Salgado, párroco de Lalín (á que eclesiasticamente pertence Lalín de Arriba) sendo eu vicario parroquial xa que logo a saúde do anterior sacerdote enviado por don Manuel ata ese momento, don José Diéguez, lle impedía asistir.

2- Esta atención pastoral en Lalín de Arriba mantívose por mandato dos meus superiores ao facer efectivo o nomeamento como administrador parroquial de Lalín, na que se inclúe eclesiasticamente a igrexa de san Martiño.

3- Dende febreiro do pasado ano, data do nomeamento como administrador parroquial de Lalín, as costumes no coidado do templo e a atención ás persoas que o utilizan (de Lalín, Donramiro, Goiás, Xaxán, Moneixas, etc.) se mantiveron na medida das miñas posibilidades.

4- As celebracións exequias, funerais e aniversarios, as celebracións de fonda raizame na nosa vila como a novena e a festa na honra de santo Antón e outras especiais como bautizos, comuñóns ou matrimonios, seguíronse levando a cabo como en épocas anteriores, coa normalidade requirida, coa dignidade precisa e, dacordo co Código de Dereito Canónico, co meu permiso expreso.

5- Esta atención pastoral existente ata o día de hoxe manterase exactamente igual namentres a min me competa e os meus lexítimos superiores non me indiquen que debe ser doutro xeito.

Así pois, a igrexa de Lalín de Arriba manterá a súa vida como templo católico coa normalidade precisa agardando de certo que a Xustiza manifeste se está ben ou mal a inmatriculación deste templo, neste intre a baixo a responsabilidade da Igrexa Católica.

O afecto que persoalmente sinto por esta igrexa é sincero e por el desexo que se poida seguir usando como aquilo para o que foi construído.

En todo caso é preciso lembrar que o máis importante son as persoas, todas e cada unha delas; por suposto, neste caso do que falamos, as que teñen algo que ver coa historia da igrexa de san Martiño: as que nola deixaron para gozo de todos, as que hoxe a utilizan e aquelas que virán e ás que temos a obriga de pasar a testemuña logo de correr nesta historia o tempo que Deus queira.

Por isto, por riba das edificacións e dos bens tanxibles, é obrigado respectarnos, querernos e coidarnos porque, a fin de contas, este mundo -con todo, incluídas as pedras- rematará un día para nós e unicamente disto permanecerá o «nós».

Ben é certo que, como lía un servidor non hai moitos días, as polémicas sobre temas eclesiais sempre xeran de inmediato aliñamentos e forofismos radicais que invitan a ir detrás dos curas ou ben con paus ou ou ben con velas… pero á fin e ao cabo o que importa, o que de verdade importa, son as persoas, todas e cada unha das persoas.

Remato facendo público o meu agradecemento persoal cara todos os homes e mulleres que teñen relación coa igrexa de san Martiño e dos que só recibín, sempre e de todos, fondo afecto e compañía serena (absolutamente de todos). Sei que esta cuestión non é unha caza de bruxas nin un desexo desordenado de facer perder a calma; penso que só se procura, por tódalas partes, coñecer a verdade. Pois iso.

O importante son as persoas. Os cristiáns non podemos ter medo de gozar e de crer na bondade de todos; unha das marabillas de existir é recrearse na beleza deste mundo e na inmensidade das persoas que nel habitan; oxalá sexa así: que Nosa Señora dos Remedios nolo conceda.