Lalín presume de xustiza en galego co recoñecemento a tres maxistrados

O acto, celebrado onte no Xulgado, contou con alcaldes e profesionais do dereito

.

Lalín / la Voz

«En galego. É de lei» é o lema da Irmandade Xurídica Galega, que onte, como xa fixo en outras vilas galegas, desprazouse a Lalín para recoñecer o labor de tres maxistrados que pasaron por estes xulgados e ditaron as súas sentencias en galego. Dos tres homenaxeados, José Gómez Rey, Rosa García Prado e María Paz Filgueira Paz, só puido acudir esta última.

O acto reuniu a autoridades, profesionais do Dereito, veciños e traballadores dos xulgados. Nestas datas nas que a Irmandade está a piques de chegar os seus dez anos de vida (constituíuse o 21 de xuño da man de vinte xuristas e cinco funcionarios cun acto celebrado no refectorio do mosteiro de Celanova), o seu lema está igual de vivo, e o galego, aínda que máis frecuente que fai algunha década, continúa a escasear nas sedes xudiciais.

Á hora dos discursos o procurador Manuel Ceán subliñaba que este era un acto que non tería que ter lugar porque iso querería dicir que non era necesario fomentar o uso do galego porque xa se usaría de seu e que non fora extraordinario ter que homenaxear a alguén por facer sentencias en galego en 2002. Pero non é o caso. Tanto Ceán como a xuíza Manuela Sobrido Bretal facían partícipes os asistentes das súas vivencias persoais. Sobrido e Ceán, que se declaraba filla de galegofalantes, desgranou as etapas da súa vida. Contou que na facultade de Dereito en Santiago nunca lle deron documentación xurídica en galego. Ceán lembrou que «o galego estivo 40 anos prohibido polo réxime e 40 esquecido».

Compromiso

Ó acto estaban chamados os alcaldes dos concellos da bisbarra o fin de firmar un compromiso para fomentar o uso do galego na administración. O fixeron no vestíbulo do Xulgado de Lalín xa onte o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero; o de Rodeiro, Luis López, e a concelleira Teresa Varela, que acudiu en representación do alcalde de Lalín, Rafael Cuíña que onte atopábase de viaxe en Madrid por un compromiso familiar. Teresa Varela, avogada de profesión, subliñou a traxectoria profesional dos tres homenaxeados «exemplo de traballo e compromiso» a prol da lingua galega e que tiveron «a valentía e a enteireza» de usar o galego.

O acto o abriu o presidente da Irmandade, Xoaquín Monteagudo, que falou das actividades da Irmandade Xurídica Galega que ten entre os seus obxectivos o de «unir o mundo da cultura e o mundo do dereito» considerando que «eses dous elementos non deben estar separados «defendendo o estado de dereito e a cultura como actividade para o desenrolo da identidade lembrando que no 2016 «na nosa asemblea anual recordamos o colectivo de xuristas que foron tamén fundadores das Irmandades da Fala».

O acto de onte tiña como obxectivo recoñecer a aqueles que «teñen a fortaleza, a convicción de facer xustiza en galego por iso estamos aquí hoxe en Lalín», sinalou. Pola parte dos traballadores de xustiza falou Xosé Lois Jácome que destacou a «a defensa da nosa lingua é cuestión de vontade pero tamén de medios» e que «o emprego do galego achega a xustiza á xente». A anécdota da xornada a protagonizou a propia placa de homenaxe, colocada ao carón da porta de entrada o edificio do xulgado. Por un erro o nome de Paz Filgueira non estaba correcto (puña María Paz López Filgueira) co que a placa vai a ser cambiada por outra de xeito inminente. Paz Filgueira comentaba que prefería que a placa se colocase dentro do edificio porque así, dicía, estaba máis a salvo de calquer posible acto vandálico e víase máis. Igual co gallo do cambio, alguén ten en conta a suxerencia e a placa muda tamén de ubicación.

A música non faltou no acto onde sonou a gaita, como non podería ser doutro modo, tocada por Alberto Granja.

Das traducións das declaracións ao castelán á falta de formularios

Co gallo do recoñecemento destes tres maxistrados, os intervindes contaron moitas vivencias que ilustraban as dificultades para xuristas e traballadores á hora de usar a lingua e que tamén sufrían os cidadáns que acudían á xustiza. Falaron de que o normal moitas veces é que a xente preste declaración en galego e logo, os funcionarios a traducen. Manuela Sobrido contou o caso dunha muller que quería outorgar un poder en galego.

Ceán contaba que cando entrou no despacho dun catedrático falando en galego el lle dixo «Hábleme usted en cristiano». Os intervindes chamaron á atención tamén da falta de formularios en galego na Administración de xustiza, e o uso do castelán por parte dos corpos e forzas de seguridade e a pregunta ós cidadáns declarantes que pasan polo cuartel de: «¿Entiende usted el castellano?».

«A xustiza é un ben e temos dereito a recibila na nosa lingua»

O secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García, alabou a celebración do acto destacando que «cae polo seu propio peso que a xustiza deberíase estar impartido en galego» nunha terra como a de Deza na que os seus habitantes son galego parlantes e que está «no rural máis auténtico». García recoñeceu que a administración autonómica «temos pendente de por a disposición programas informáticos que hoxe sabemos que non están adaptados a lingua galega pero que coas novas tecnoloxías como o novo Lexnet e o programa senda están pensados para súa implantación en todas as linguas oficiais do Estado». Sabemos tamén que nos queda moito por facer a hora de formar e de crear unha necesidade por parte dos xusticiables que sexan conscientes e que demanden o seu dereito a recibir xustiza en galego». Defendeu que «moito disto depende do que sexamos capaces de concienciar, non só nos xulgados senón tamén fora deles, de que a xustiza é un ben e que temos o dereito a percibila en galego» . Un traballo, que dixo, «é de todos» defendendo que podemos pedir sentenzas en galego e levantar unha acta en galego e loubou o labor e o compromiso coa lingua dos homenaxeados.

«Ao ver que falabas en galego, a xente che daba máis información»

Para Paz Filgueira Paz en Lalín o máis sensato era dirixirse á xente en galego» dado que a lingua na que se expresa a maior parte dos veciños. Entre as vantaxes que notaba no seu traballo no Xulgado de Lalín que, lembrou, «foi o meu primeiro destino» era que «o ver que falas en galego, a xente che daba máis información». Unha conexión que a cidadanía agradecía. Paz Filgueira, que é de Ribeira, recoñeceu que había verbas que lle eran alleas e bromeu sinalando que «tardei meses en descubrir que un pucho era un gorro». Cre que o galego segue a ser unha lingua «minorizada, non minoritaria» e defendeu que «debemos garantir que sexa respectada sempre a lingua de cada comunidade». Paz Filgueira considera que en cuestións do uso do galego «estamos retrocedendo». Botou man das cinco fases que advirte a Unesco e considera que «cando empecei estabamos na fase unha, na que o galego era a lingua do fogar; agora xa estamos na dúas e vamos para a terceira fase de grave perigo que é cando a lingua xa a falan só os avós». Para frear esa carreira pide o Estado que incentive o uso da lingua de cada comunidade. Animou e defendeu o uso do galego para evitar que siga pola vía da extinción.

«Os concellos de Galicia xogaron un papel de vangarda no seu uso social»

O presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo. apuntou que na actividade do colectivo «o eixo fundamental é a nosa lingua» destacando que «a lingua non só e o fundamento da nosa cultura propia como pobo senón que tamén é instrumento fundamental para o desenvolvemento de todas as relacións sociais e das relacións xurídicas que profesionalmente nos atinxen».

Explicou que «si falamos de lingua, de cultura e de dereito temos que falar da linga galega e que a lingua galega se incorpore con cortesía, con amabilidade a actividade tan nobre como a xurídica».

Neses avances cara adiante de promover o uso social da lingua galega, Monteagudo considera que «débese en boa parte os concellos de Galicia que xogaron un papel de vangarda ou de piloto e non queríamos esquecer os representantes das autoridades locais para que renoven o seu compromiso coa lingua» como fixeron onte xa os representantes de tres concellos de Deza xa no propio acto. Onte estaba previsto que os seis rexidores estiveran no acto pero tres deles non puideron ir pero rubricaron, nalgún caso, o seu compromiso coa lingua.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Lalín presume de xustiza en galego co recoñecemento a tres maxistrados