Os alcaldes dezaos comprométense a priorizar o galego na administración

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

A declaración será despois de lembrar as primeiras sentenzas ditadas na nosa lingua

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os alcaldes dos seis concellos de Deza: Lalín, Silleda, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces e Dozón teñen previsto asinar hoxe unha vez rematen os actos do 35 aniversario da Lei de Normalización Lingüística, que consistirá no descubrimento dunha placa no edificio dos Xulgados de Lalín para conmemorar as primeiras sentenzas ditadas en galego, unha declaración para priorizar o uso do galego nas administracións locais proposta dende a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a Irmandade Xurídica Galega.

O colectivo de funcionarios lembra que as corporacións locais xogaron un papel fundamental a prol de converter o galego en lingua oficial das administracións públicas e ao longo dos anos oitenta máis dun cento de alcaldes asinaron a coñecida Declaración de Compostela de 1984. Outro fito importante foi a aprobación en 2004 do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, malia que resta camiño por percorrer, polo que coa sinatura desta declaración os alcaldes comprometeranse a atender os cidadáns en galego, procurando tamén para a lingua máis funcións sociais e espazos de uso priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos. Incorporar o galego como lingua habitual de traballo das forzas da policía local, elaborar na nosa lingua as escrituras públicas e os documentos administrativos e privados e tramitar en galego os procesos xurisdicionais son algunhas das cuestións que se contemplan na declaración.

"O uso do galego no poder xudicial é algo meramente residual. Na cúspide non se usa", asegura Paz Filgueira 

Ditar unha sentenza en galego non é moi habitual na actualidade e menos o era nos primeiros anos do 2000 cando a xuíz Paz Filgueira Paz estaba en Lalín. A maxistrada, que é titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, estará hoxe na capital dezá participando nos actos programados pola Irmandade Xurídica Galega.

-Ditar sentenzas en galego nos anos 2005/2006 era ben visto?

-Ditar sentenzas en galego era exótico, diferente, chamaba a atención e era difícil. Lémbrome que chegaron a dicir: «Mujer y en gallego. No puede ser». Foi unha situación peculiar.

-Foi criticada ou discriminada por usar o galego?

-Digamos que críticas frontais naquel momento non tiven pero o uso do galego era visto como algo innecesario, superfluo... Non era importante para os compañeiros nin para o Poder Xudicial nese momento as actividades en galego como tampouco o son agora. Hai moito recelo á lingua. Está relacionada co éxito das persoas e os que trunfan tradicionalmente en Galicia non falan galego. Temos esa barreira infranqueable que non pasa noutras comunidades autónomas e é difícil de rompela. Os que están na cúspide non utilizan habitualmente o galego. Incluso hai temor de disgustar aos superiores co uso da lingua e fai que a xente non se anime a usalo, e mesmo van cambiando constantemente de lingua según con quen se enfrenten. Semella ser de máis nivel facer as cuestións en castelán. Segue sendo así. Antes e agora. Discriminada? Sentinme e síntome. Ser muller e usar o galego... Afortunadamente coñezo os meus dereitos e non se pode ir en contra...

-A situación non mudou entón na actualidade.

-Non é que lógrasemos avanzar máis é que agora non se pode ir en contra disto frontalmente. Hai cada vez máis actuacións en galego pero non se converteu en algo cotiá para os poderes públicos. No Poder Xudicial especialmente é algo meramente residual.

-O percorrido do camiño semella longo.

-Éo. Hai exemplos para reflexionar como pode ser o caso de Cataluña. Alí o que triunfa fala en catalán e quí o que triunfa fala en castelán. É o que nos transmitiron e é o que nós continuamos transmitindo.

-Á marxe do galego. En Galicia hai dous xulgados de violencia da muller, ¿precísanse máis?

-Dende logo. A Coruña e Vigo acumulan case a metade das denuncias da comunidade.

-Como lles afectou a folga?

-As actividades urxentes se fixeron pero os trámites sofren ralentización e é posible que leve no futuro, nos próximos 6 meses, un reforzo de funcionarios.