O Mencer axuda a 200 familias, dez recén chegadas de Venezuela

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

rober amado

A asociación busca xente que poida ceder tempo ao proxecto

27 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación de voluntarios O Mencer de Lalín celebrou onte a súa asemblea anual que serviu para facer unha avaliación do traballo realizado ao longo dos pasados meses. Un colectivo que xurdiu co gallo de dar resposta ás necesidades alimenticias de moitas familias do municipio de Lalín, e que continúa sumando iniciativas solidarias.

O Mencer xestiona todos os alimentos que recibe e que tamén recada a través de accións puntuais, como as dúas operacións quilo levadas a cabo en días pasados en grandes áreas comerciais da vila. Na actualidade, e segundo se desprende das afirmacións do directivo Antonio Riera, dende as pasadas datas de Nadal «contamos con bastantes alimentos grazas aos actos que celebraron asociacións e agrupacións deportivas que pensaron en axudar ao Mencer, e nós somos quen de poder axudar así ás familias que o precisan». Unhas seiscentas persoas pertencentes a unhas duascentas familias residentes no municipio lalinense forman parte da listaxe de usuarios de O Mencer. Un volume de usuarios que non rexistra unha gran variación respecto de meses anteriores. «Movémonos en cifras máis ou menos iguais; algunha familia atopa traballo e decontado se dá de baixa, pero o número de usuarios non varía moito». O que aprecia a asociación é a chegada ao municipio de familias retornadas de Venezuela, quen, empurradas pola situación do país, apostan por volver a Galicia. No último mes contabilizáronse unhas dez novas familias dadas de alta na listaxe de usuarios de O Mencer. «Hai xente de todas as idades, tamén persoas maiores, e dende logo que as situacións que presentan son de moita precariedade».

A asociación O Mencer precisa de máis socios e colaboradores que axuden en todas aquelas tarefas e proxectos que desenvolve. «Buscamos xente nova que poida ceder algo do seu tempo á asociación. Non quere dicir que os que estamos pensemos en deixalo, senón que é conveniente contar con ideas novas e frescas. Non é tampouco unha dedicación grande a que pedimos, un par de horas á semana». O colectivo pretende por outra banda ampliar o número de socios, que seguen sendo alicerces fundamentais da asociación «á hora de poder mercar alimentos, se se precisan, coas súas doazóns».