A Asociación DTendas agarda oficializarse para botar a andar en Lalín

O colectivo lamenta que da rúa D se esqueceran todos sempre

.

lalín / la voz

Transcurriu case un ano dende que comezou a xestarse entre comerciantes e hostaleiros da rúa D de Lalín a idea de poñer en marcha unha asociación propia para loitar por unha céntrica zona comercial da capital dezá que consideran esquecida.

Asociación DTendas, que así se chama o colectivo e que naceu cunha vintena de empresarios interesados en sumarse á iniciativa asociativa; algúns tamén con negocios ubicados na rúa Alcalde Ferreiro, pero que ata a data segue esperando pola oficialización de todos os trámites burocráticos tramitados ante a Xunta de Galicia para poder botar a andar de xeito oficial.

Un proceso de regularización da entidade que é a todas luces, segundo comentaba algún integrante da directiva, lento pero que se espera finalice o antes posible para comezar a diseñar actividades e poñer en marcha proxectos. «Unha vez teñamos os papeis da Xunta nas nosas mans entón o primeiro que teremos que facer será abrir un proceso de constitución oficial de directiva xa que os que estamos agora mesmo nos puxemos aí fundamentalmente para poder tramitar todo o papeleo pero será preciso nomear unha directiva oficial», explica unha directiva de DTendas. No que están de acordo todos aqueles que traballaron no nacemento deste novo colectivo é na loita por mellorar a zona. Unha rúa céntrica, eminentemente comercial e con abundante tráfico, «pola que non se mira. E non é que non se mire agora. Tampouco se mirou antes. É unha pena».

Entre as reivindicacións máis inminentes dos comerciantes e hostaleiros da zona está a necesidade de limpar os colectores que están nunha pequena illa preto da curva cara a Praza da Marina. «O cheiro é insoportable e aínda non chegaron os días de altas temperaturas que entón xa non se poderá nin pasar por alí», salienta. Por outra banda solicitan tamén que se amañe un muro que temen se veña abaixo en calquera momento. «Son algunhas das deficiencias que nós vemos na rúa pero serán os socios os que teñan a última palabra e decidiran cales son as peticións e os amaños a pedir. Se é unha das zonas comerciais máis céntrica da vila ben se merece algunha atención, alomenos iso é o que pensamos e é o que nos move a poñer en marcha oficialmente a asociación».

Á espera de poder poñer en común ideas e establecer un plan de traballo, a Asociación DTendas preséntase como «colectivo humilde e traballador».

Votación
1 votos
Comentarios

A Asociación DTendas agarda oficializarse para botar a andar en Lalín