Lucas Requejo leva experiencias gastroetnográficas ao Biocultura

O empresario viveirense, afincado en Lalín, ofrecerá un showcooking e charla nesta feira ecolóxica


lalín / la voz

Biocultura, a Feira Internacional de Produtos Ecolóxicos e de Consumo Responsable, que recala por vez primeira en Galicia; máis concretamente en A Coruña, contará nesta edición coa participación do viveirense afincado en Lalín Lucas Requejo e a súa empresa Pratodo. Unha firma de innovación social, colaboradora da Fundación Ecoagroturismo e tamén de varios proxectos adheridos á rede Ceres Ecotur iniciativa pioneira da fundación, que xa no pasado novembro tomou parte no Biocultura Madrid.

Na capital de España Lucas Requejo realizara precisamente un showcooking experimental para blogueiros e profesionais do sector onde mostrou a modo de performance temas como a etnografía, o rural, a natureza, cultura, historia e tamén a innovación no sector dunha proposta única. Algo semellante prantexa o responsable de Pratodo para esta fin de semana no Biocultura con dúas sesións. A primeira, hoxe mesmo ás 16 horas, na sala 4 do recinto feiral que será unha charla sobre experiencias gastroetnográficas na rede de ecoagroturismo, onde comentará aos profesionais e interesados o xeito de paquetizar e converter en produtos as diversas experiencias que poden ofrecer os proxectos vencellados ao rural.

A segunda intervención de Lucas Requejo, o domingo dende as 14 horas, será un showcooking especial para blogueiros e xornalistas dixitais onde dará conta da porta pola que entrar no pasado para coñecelo cos ollos e as texnoloxías de hoxe. Está prevista a participación dos membros de O Quinteiro de Temperán de O Grove, un espazo etnográfico de recente creación ao que Lucas asesora e lle deseña paquetes experienciais como son os xantares sensoriais ou o xergón de follato que botarán a andar nestes días de marzo. Por diante unha interesante visita ao Biocultura que conta con 200 expositores, e unha previsión de 15.000 visitantes que se achegarán ata A Coruña a este escaparate no que hai cabida para téxtil orgánico, ecomateriais, mobles, decoración, aforro, reciclaxe e turismo rural.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Lucas Requejo leva experiencias gastroetnográficas ao Biocultura