A Esmutelín prepara obras para representar dende Semana Santa

amelia ferreiroa

LALÍN

16 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Esmutelín, a Escola Municipal de Teatro de Lalín, continúa un ano máis co desenvolvemento de actividades no seo de centros educativos, parroquias e ensaios nas dependencias da Casa da Xuventude para as formacións do pobo, de cara a comezar a ensinar o traballo feito despois de Semana Santa.

Pouco mudou no funcionamento desta escola pola que pasou un nutrido grupo de lalinenses. «Tiven nenos na escola que xa están agora casados e que mandan á Esmutelín aos seus fillos», puntualiza Xosé Manuel Ogando Montes o responsable do centro dende o seu comezo. E é que o teatro debería de ser unha materia case obrigatoria polos beneficios que supón. «Axuda a perder o medo escénico, permite controlarse a hora de falar en público, de ir a unha entrevista e é unha ferramenta perfecta para a socialización», argumenta Ogando. Adquirir experiencia é o que se pretende fundamentalmente con este tipo de actividade; «que se recomenda para todas as idades, dende os pequenos ata os máis adultos».

Sexa polos beneficios que conleva a súa práctica ou por afinidade a escola mantén numerosos grupos de traballo que agora mesmo están mergullados na quinta edición das curtas. «Non son cinco anos consecutivos xa que se fixeron outros traballos pero é algo que gusta moito entre os participantes e a intención e ter todo avanzado e listo para iniciar a súa representación para despois de Semana Santa», dixo. O único que non acaba de coller corpo definitivamente é unha agrupación de adultos. «Non é que non haxa interese pero fíxose un grupo que logo non tivo continuidade no tempo por razóns de traballo dalgúns dos integrantes», apuntou. Unha formación que podería agromar novamente con novos membros pero namentras as agrupacións das parroquias e dos colexios preparan os seus novos traballos que axiña amosarán ao público.