«Ás bicicletas darémoslles unha segunda vida en África»

amelia ferreiroa

LALÍN

cedida

Pide colaboración a quenes poidan aportar algunha máis e di precisar dun local no que almacenalas

27 ene 2018 . Actualizado a las 08:57 h.

Farto de ver bicicletas amoreadas en rincóns diversos e sen uso algún José Luis Pereira «Seixo» comezou a súa particular aventura para dárlle ás mesmas outra vida. Nace da súa man Recycling Bicicletas Solidarias, unha asociación sen ánimo de lucro que recolle bicis por Galicia.

-Quen máis quen menos ten unha bici na casa que non usa e hai xente que a precisa. Eu estou a recollelas alí de onde me chaman e a idea é que teñan unha segunda vida en África.

-Cantas ten agora mesmo?

-Unha vintena. Estiven esta semana en Santiago e Redondela para recoller seis, e a través da conta de facebook de Recycling xa me fixeron doazóns en Ourense, Mos... Da recollida encárgome persoalmente, aínda que hai que ir cadrando toda a loxística, pero onde teño problema agora mesmo é co almacenamento. Precisaba dun local, un baixo, unha palleira...un sitio que serva para ter as bicicletas antes de levalas a África.

-Pensa levalas persoalmente a África?

-É a idea. Cando teña 50 ou 60 quero entregalas persoalmente nunha escola por exemplo pero ir alí e aproveitar para que o meu fillo de dez anos vexa de preto a realidade doutro país onde os rapaces viven con moito menos. É un proxecto que tamén ten unha parte educativa.

-Como sufragará a viaxe?

-Cun partido solidario, un concerto... Quero tamén levar roupa de deporte que poida ceda algún club.

-Hai data para viaxar?

-Si. No mes de Setembro deste ano. Nas festas patronais de As Dores de Lalín é a data que teño pensada.