8.000 días facendo historia


Alonga andaina da Casa do Patrón acaba de cumprir 22 anos, ou sexa, 8.000 días, máis de 60.000 horas de traballo de cada un dos membros do equipo dedicadas ao estudo, á recuperación, á conservación e difusión da etnografía, a arqueoloxía, a cultura e a Natureza da parroquia de Doade, de Lalín, da Comarca do Deza e de Galicia en xeral.

O ano 2017 que xa remata foi de auténtica fantasía para a nosa Institución, no que se acometeron numerosas e importantísimas tarefas encamiñadas á consolidación e ampliación do Museo, tanto no interior do mesmo como na súa contorna, entre as que cabe destacar a terceira campaña de escavación e consolidación do Castro de Doade, que nos permitiu

descubrir un dobre foso cavado na rocha nai de preto de catro metros de profundidade, único en Galicia, a montaxe da sala de arqueoloxía que contén os 17.000 restos arqueolóxicos mobles deste Castro, a construción dunha réplica da gran casa castrexa da Aurela, que enchemos de vida con múltiples recreacións para os nenos dos nosos colexios, o deseño, a limpeza, a sinalización e a homologación da ruta circular de sendeirismo do Castro de Doade composta por 14,5 km de sendeiros de gran beleza paisaxística, a sinalización turístico-cultural integral da totalidade dos puntos de interese da parroquia, a malla, a fía, as xornadas de menciña natural, a recollida, restauración e catalogación de pezas, a atención e guía de 13.000 visitas ó noso conxunto etnográfico, 5.000 delas de nenos de colexios galegos que aquí fixeron os seus obradoiros...

Para culminar o exercicio, obtivemos a concesión dun dos premios de AGADER pola nosa humilde pero constante e continuada contribución á mellora do medio rural e coa edición do libro A Casa do Patrón, o gran Ecomuseo do mundo rural galego, un traballado compendio destes 22 anos da historia do Museo, no que se debulla polo miúdo o pasado, o presente e o futuro deste gran complexo etnográfico, arqueolóxico, cultural e turístico do máximo nivel, demostrando ademais que cumpre de sobra os parámetros requiridos para ser catalogado como aquilo que é desde hai varios anos: un verdadeiro ecomuseo, auténtico prototipo da vida de antano no campo galego.

É precisamente todo isto o que nos estimula para continuar por esta marabillosa senda do servizo a Galicia e ás súas xenerosas xentes, ás que todo lles debemos e cuxa impagable colaboración tentaremos devolverlles multiplicada. Vaia dende aquí a miña máis profunda gratitude ao grandísimo equipo humano da Casa do Patrón, ao contrastado respecto, apoio e cariño dos nosos veciños e aos milleiros de leais colaboradores cos que contamos ao longo e ancho da nosa terra, aos que lle prometemos comezar o vindeiro ano con ánimos renovados, redobrando o noso máximo esforzo para intentar corresponderlle como se merecen. Para todos eles, Bo Nadal, saúde, forza, ilusión e a maior das sortes no ano que alborexa, o 2018, un gran reto para todos, que acometeremos da mellor das maneiras: traballando arreo, coa fe e a esperanza necesarias para soñar coa consecución dun mundo mellor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

8.000 días facendo historia