Concerto en Camanzo contra a leucemia e panxoliñas en Lalín

amelia ferreiroa

LALÍN

miguel souto

A Coral de Lalín leva o seu repertorio de Nadal ás residencias e no Mosteiro de Camanzo haberá un concerto benéfico

10 dic 2017 . Actualizado a las 20:34 h.

Para as agrupacións corais da contorna o mes de decembro énchese de actuacións; moitas delas de claro carácter benéfico, como é o caso das catro que participarán o vindeiro 23 de decembro no Concerto Extraordinario de Nadal no Mosteiro de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces. Un concerto, que comezará ás 19.30 horas no cenobio, e que será a beneficio da Fundación Josep Carreras contra a leucemia na que participarán a Coral Polifónica de Agolada, Coral Polifónica de Vedra, Coral Polifónica de Berres e a Coral San Salvador de Camanzo. O auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces tamén acollerá a finais de decembro outro acto benéfico a favor da Fundación Josep Carreras; un gran concerto con participación de varias agrupacións.

Por outra banda a Coral Polifónica de Lalín ten previsto celebrar tamén unha serie de concertos nestas vindeiras datas cun repertorio eminentemente centrado nas panxoliñas, o típico destas festas. A formación voltará un ano máis a ofrecer sendos concertos nas dúas residencias sitas na capital dezá. Así mañán sábado está previsto que os coralistas estén ás cinco da tarde na Residencia de As Dores para ofrecer aos residentes o xa habitual Concerto de Nadal mentras que o vindeiro sábado día 16 farán o propio ás 12 do mediodía na Residencia Geriatros. Por outra banda a Coral Polifónica de Lalín, que dirixe Benxamín Otero, tamén ten programado para mañán sábado un Concerto de Panxoliñas na Praza da Igrexa diante da gran árbore de Nadal que instalou o concello, sempre que o tempo acompañe e non chova. Será a partires das oito da noite. A formación coral lalinense tamén ten previsto acudir a Chantada o vindeiro sábado 16 onde tomará parte no Festival de Nadal, que se celebrará na vila chantadina dende as sete da tarde.