Exalumnos do Aller preparan os 50 anos da súa graduación

D. González Alén LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

15 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A feira do Gouxa foi o escenario que escolleron para celebrar unha xuntanza dezaseis dos vintedous ex-alumnos do Instituto Laboral Ramón María Aller de Lalín que deixaron o centro no ano 1968, logo de rematar os cinco anos de bacharelato.

Houbo xantar, tempo para lembrar aqueles anos mozos e para programar os actos para celebrar o vindeiro ano coa solemnidade que merece a ocasión, o 50 aniversario da súa graduación.

Daquela promoción de alumnos que agora gozan xa da xubilación, os mais deles adicáronse á docencia, algúns a función pública en diversas administracións, a empresa privada e tan só un ao sector agrario malia que o instituto lalinense era de modalidade

agrícola gandeira, coa pretensión de mellorar a formación do noso medio rural. Pero daquela os alumnos buscaban fuxir da labranza e do rural e atopar outras perspectivas laboráis noutros eidos da economía noutros escenarios urbáns.

Aínda que a maioría procedían do municipio de Lalín, tamén había ampla representación de Silleda e Rodeiro e en menor medida de Agolada e Dozón. Ao rematar no Instituto Laboral moitos tiveron que continuar estudos fóra de Lalín para posteriormente procurar saídas profesionais fóra da comarca aínda que ninguén tivo que coller o camiño da emigración. No primeiro curso de 1963 comenzaran 76 pero ao longo dos cinco cursos foron minguando deica rematar tan só vintedous.

Entre eles había algúns ben coñecidos na comarca de Deza, onde teñen a súa residencia ou por decorrer aquí o seu labor profesional coma Eladio Cuíña, Xosé María Facal, Ángel Fernández, Daniel González Alén, Luís González, Tino López Prieto, Xesús Palmou, Jorge Taboada, Eladio Trabazo ou Xosé Antonio Penido Verde. A eles sumabanse Benedicto Fernández Faílde, Xosé Villamayor Louzao,Xosé Vázquez Moreiras, Ramón Calveiro Louzao, Antonio Mámoa, Xosé González Palmou, Justino Varela, Antonio López Vila, Xesús Villanueva, Antonio Riádigos, Xosé González Carrón y Xosé Luis Valdés.

O grupo ven celebrando xuntanzas anualmente, a última o pasado verán en Cambados, con semellante asistencia de exalumnos chegados dende diferente puntos de España onde residen na actualidade.

A próxima xuntanza para celebrar cumpridamente o 50 aniversario da súa graduación, será en Lalín para a que xa andan organizando diversos actos e agardan poder xuntarse todos os protagonistas de «aqueles marabillosos anos» e mesmo render homenaxe aos tres compañeiros que por desgraza faleceron en tempos recentes.