Miguel Varela, director de La Veneciana: «Estamos en máis de 160 países e no grupo traballamos 200.000 persoas»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

rober amado

A firma, con 350 anos de vida, conta en Lalín cun centro de distribución no polígono e fábrica en Filgueira

10 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das empresas punteiras e referente na produción, aplicación e comercialización de produtos e servizos relacionados co vidro é La Veneciana, que recibirá este sábado o Premio AEDeza á Internacionalización. Un galardón que é un recoñecemento ao traballo realizado, segundo constata o director da planta lalinense Miguel Varela.

-A orixe da empresa é francesa.

-Así é. Naceu fai 350 anos en Francia como vidreira e expandiuse a todos os continentes. Estamos en máis de 160 países e no grupo traballamos 200.000 persoas en todo o mundo. Adicámonos a todos os materiais de construción: morteiro, canalizacións, vidro e o grupo tamén fai este último para numerosas marcas de coches. A empresa pertence pois a un grupo internacional que está presente en todo o mundo e os nosos produtos véndense en Australia, Israel, Rusia... e non só vendemos senón que tamén imos da man de clientes locais aos proxectos que desenvolven no estranxeiro.

-Como é a fábrica de Lalín?

-En Lalín contamos con dous centros: a fábrica que está en Filgueira e a distribución no polígono. Traballamos 150 persoas e adicámonos a todo tipo de transformación de vidro: templado, laminado e dobre acristalamento para construción. O noso mercado abarca dende o vidro que se coloca nunha casa particular ata grandes proxectos que realizamos con diferentes clientes. Digamos que o abano no que traballamos é moi amplo.

-A internacionalización é algo polo que o grupo ven apostando dende moito tempo atrás.

-É que pola nosa rede temos moitos clientes internacionais. Estamos agora mesmo comezando un proxecto no Líbano cun cliente da compañía. Logo, con clientes locais como Inasus, estamos facendo unha obra en Francia... Estamos en Panamá, Israel, Nixeria, Francia -con tres proxectos á vez-, Inglaterra... Son proxectos en todo o mundo; uns pola nosa propia rede e outros con clientes de todo o territorio español.

-A crise que tanto afectou a moitos sectores deixouse sentir en La Veneciana?

-Pois nos centros de Lalín non se notou ao termos presenza en todo o territorio español con catro fábricas e un total de vinte centros de distribución. A crise fíxose sentir noutros puntos que agora xa se recuperaron pero aquí houbo estabilidade.

-Como se presente o futuro para a empresa?

-Moi positivo. Prevese un aumento de produción e mesmo hai un pequeno proxecto de ampliación, pero é pronto para falar diso. Catro anos atrás eramos 65 traballadores e hoxe somos 150, o grupo Saint Gobain ten plantas en todo o mundo e está apostando fortemente por Lalín. Moitos proxectos se están derivando aquí. Existe unha aposta clara por Lalín e o futuro é alentador.