José María Carballo, de Profeplás: «O maior reto foi fabricar e montar un depósito de 80.000 litros»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

rober amado

A escasez de auga fai que desta firma especializada en estruturas termoplásticas saian moitos recipientes

08 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A traxectoria empresarial de Profeplás comezou no ano 2013 en plena crise económica nun momento en que, segundo recoñece o seu administrador José María Carballo, «ninguén daba un peso por nós nin polo noso proxecto». A tesón, o esforzo e o crer firmemente no que tiñan nas mans «levounos a dous amigos a xuntarnos e apostar por algo que xa coñeciamos ao vir de empresas onde se traballaba este mesmo produto». Profeplás, con instalacións no Polígono Lalín 2000, recibirá o vindeiro sábado o Premio á Innovación da AEDeza.

-Fabrican e montan todo tipo de estruturas termoplásticas, ¿en que consiste exactamente?

-É unha fábrica de depósitos termoplásticos. Chámaselle plásticos a un PVC, a un polietileno... e hai como unha vintena de plásticos e úsase cada un según para que tipo de almacenamento sexa. Á marxe diso facemos todo tipo de estruturas plásticas como poden ser os silos, pasarelas e equipos específicos para a industria química que é no que estamos agora mesmo a traballar.

-Situáronse como referente en España e están presentes en varios países.

-Os nosos clientes son empresas medianamente grandes que teñen os seus traballos en moitos países que precisan de medidas especiais e aí é onde entramos nós coa fabricación dese produto especial que nos requiren. Os nosos produtos están presentes nuns 20 países. Fabricamos e montamos as estruturas co equipo e co noso persoal cualificado propio.

-Que centra na actualidade a maior demanda na empresa?

-Debido á escasez de auga que hai os depósitos de almacenamento é o que máis se nos require. O taller está cheo de depósitos e continúan chegando pedidos, e logo están os traballos para a industria química.

-Cal foi o traballo realizado que supuxo máis complexidade?

-Un que fixemos fai ano e medio. Un proxecto moi grande para Portugal que foron varios depósitos; o maior reto foi fabricar e montar un de 80.000 litros e outra vintena máis de equipos. Foi unha obra moi complexa, transporte especial ata o país veciño...

-Que significa o Premio AEDeza para Profeplás?

-Unha demostración que estamos a facer as cousas ben e que soubemos saír da crise. Os comezos non foron fáciles pero apostamos por este proxecto e tiramos para diante. Eramos dous e hoxe temos dez traballadores e funcionando a pleno rendemento.

-No horizonte empresarial?

-Un proxecto para o ano que ven en Panamá, medrar e traballar todos os días.