O pracer de camiñar xuntos

Manuel Blanco

LALÍN

26 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Andar resulta ser o exercicio máis natural para todo ser humano, e polo tanto o máis saudable e axeitado para facer todos a cotío. Ao camiñar a musculatura reláxase, a contractura alíviase, debilitándose o seu carácter de escudo, aparecendo entón o oculto, aquilo que non se quixo ver.

Se a iso lle engadimos o feito de atravesar as nosas frondosas carballeiras e soutos de castiñeiros, por carreiros, vellas congostras e camiños alfombrados de follarasca, polas ribeiras dos ríos, verdadeiras fontes de vida da nosa terra, en contacto directo coa Natureza, afastando as preocupacións, liberando os pensamentos, observando sen prexuízo todo o que nos chegue: o aire puro que asolaga os nosos pulmóns, a percepción das imaxes mais idílicas, a diversidade de tons da cor verde que se perciben, o esquecido cheirume da humidade da terra e do río, a inxente cantidade de sons do cantar dos paxaros, das correntes de auga, do vento sacudindo as árbores, prestando atención a tódolos sinais que van xurdindo polo sendeiro, establecemos unha ponte de comunicación entre o ser interno de cada un co exterior, que será un fiel reflexo do noso diálogo interior co mundo que nos rodea. En definitiva, trátase de gozar, de desbloquear as nosas emocións e quizás de atopar o que non se sabe.

Se por enriba camiñamos xuntos, na apreciada compañía dos nosos amigos, veciños e paisanos, a viaxe será, se cabe, moito máis pracenteira, formando un gran equipo humano que marcha na mesma dirección, sen presa, sen competición algunha, na que é máis importante o percorrido que a meta, porque esta última soamente é a finalidade de realizar xuntos unha fermosa viaxe. A sorte e a ledicia de vivir nun país tan marabilloso, na compaña dunha xente rexa e forte, pero á vez tenra e leal, nunca sería completa se non a compartimos cos demais.

Todo isto foi o que pasou o pasado domingo, día 22 de outubro, cando máis dun cento de camiñantes de toda Galicia nos unimos para facer a primeira viaxe pola «Ruta de sendeirismo do Castro de Doade», ruta circular de 14,1 qm. de percorrido, rexistrada co número PR-G210 pola Federación Galega de Sendeirismo, inaugurada nunha espléndida xornada de amizade, saúde, sol e natureza.

Esta histórica data estivo precedida por outra andaina na que tampouco estivemos sos. Estou a referirme ao gran esforzo invertido no deseño, limpeza e sinalización do itinerario, recuperando vellos camiños xa intransitables e restaurando sendeiros caídos no esquecemento e zonas de paso de troiteiros, na que tivemos a estreita e absoluta colaboración dos veciños de Doade, Vilanova, A Xesta, Soutolongo e Lodeiro, as 5 parroquias polas que pasa o sendeiro, e mesmo dos propietarios de elementos singulares como muíños restaurados e árbores senlleiras, que incorporamos á ruta, así como da asociación de Roteiros de Lalín, verdadeiros precursores deste tipo de actuacións no noso Concello, posto que incluso aproveitamos algúns dos tramos xa por eles utilizados, manifestándonos ademais a súa total disposición a realizar futuras colaboracións neste eido, que obviamente serán correspondidas polo Museo.

Sirva o presente escrito como recoñecemento para todos eles, pola súa impecable actitude e o maior dos respectos cara o noso arduo traballo antes, durante e despois da execución deste proxecto, que neste caso abre os camiños da cultura e do patrimonio a través do coñecemento, conservación e recuperación dos grandes e inmutables valores da Natureza da nosa contorna.

De todos e para todos

Como sucede con todo o que de verdade importa, as rutas de sendeirismo, ao igual que os restos arqueolóxicos, a sinalización turística e moitas das actividades que impulsa a Casa do Patrón, son públicas e gratuítas, de todos e para todos. O Museo tan só asume a responsabilidade da súa execución e o compromiso do seu mantemento posterior, que non ten menos importancia. Resulta o máximo desexo do Museo Etnográfico Casa do Patrón que esta ruta sexa utilizada masivamente, tanto nas convocatorias periódicas que dende aquí organizaremos cara o futuro, como libre e espontaneamente por todo aquel amante da Natureza, que teña a ilusión de camiñar polas recónditas paraxes de gran valor paisaxístico que constitúen este sendeiro, no corazón da Galicia interior.