Xosé Iglesias adica unha cantiga as súas tres aldeas de Lalín

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

A composición xa rula con éxito nas redes sociais o seu autor agarda agora vir a tocarlla os veciños

11 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nado en O Castelo, en Lalín, Xosé Iglesias Fernández non esquece as súas orixes e adica a Lalín «e a cousas de Lalín» como el mesmo di, moitas das súas composicións. A derradeira rende homenaxe as súas tres aldeas: O Castelo, onde naceu; Cadrón, e Muimenta, onde estudiou. É unha cantiga feita dende o corazón. Leva uns días circulando polas redes e colleita aplausos.

O preguntarlle como xurdiu a cantiga explica que «a min gústame moito compoñer e do Castelo xa falaba en dúas, en Romance para as mozas de Lalín, que se escoitou moito por aí fai uns catro anos e nun romance de cegos, que son os que a mín máis me gusta que é Romance de amor e caldo, pero eu tiña unha débeda con esas aldeíñas e lle debía unha canción». O proceso non foi fácil, comenta apuntando que «é moi complicado escribir do que verdadeiramente sentes, escribín, borrei, escribín, ata que atopei unha letra que me gustou e a rematei sobre o mes de maio, e unha vez feita a letra pouco a pouco lle puxen a música».

O rematala di, «falei cun compañeiro, Juan José Mariño, director da Escola de Acordeóns de Poio, e díxome ‘a min encántame, faime a partitura para piano e acompañote`, fumos o estudo e gravámola». O seguinte paso foi colgala en Youtube e nestes días o seu autor lle choven as mensaxes e as verbas de agarimo en moitos casos de lalinenses amigos e veciños encantados con esta homenaxe a que tamén é a súa terra. Agarda poder tocala nas terras de Lalín.

Pero a actividade de Iglesias é imparable. Toca con catro ou cinco grupos cos que se xunta de cando en cando e toda a vida leva compoñendo e tocando, inseparable coa súa guitarra e usando a zanfoña nos romances de cegos que tanto lle gusta. Del é tamén a cantiga da Feira dos Carballiños de Vilatuxe. Aínda que reside en Pontevedra fai moitos anos, confesa que Lalín segue tirándolle moito e «a medida que pasan os anos, cada vez máis».

A inspiración para as súas composicións, xurde explica «de calquera cousa que pasa, aproveito calquer ocasión». Defende aos cantos de taberna «porque nos bares se poden facer máis cousas que ver o fútbol» e os contos dos vellos que tamén contribue a recopilar para que non se perdan.