«O gusto polo rock vénme do meu pai, que mo poñía sendo unha nena»

Amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MIGUEL SOUTO

Encandeou ao público no novidoso concerto de As Dores, do que se segue falando

01 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quería ser arqueóloga por aquelo da curiosidade que sentía, sendo unha cativa, por todo. A súa infancia decorreu buscándolle unha finalidade ás cousas e, finalmente, aquel primixenio interese pola arqueoloxía derivaría en estudar farmacia. Pero á lalinense Sandra Fondevila Estévez sempre lle tirou tamén a faceta artística: o teatro e a música foron compañeiros de viaxe ao longo duns anos. Interese artísticos que «deixei cando comecei a carreira» pero que no caso da música voltou a agromar con forza. Na actualidade compaxina o seu traballo de farmacéutica coa Banda da Tasca onde é vocalista e é tamén coralista no Coro da Ra e na Coral Polifónica de Lalín.

-Aínda lle resoarán os aplausos do público trala actuación conxunta de Banda de Lalín, Banda da Tasca e Coro Luís Areán nas Festas de As Dores.

-Foi incrible e indiscritible. Non hai nada mellor que a música e a amizade xuntas e o «xuntos e revoltos» é precisamente iso, conseguir facer maxia no escenario unindo dous mundos que a priori non teñen nada que ver. Penso que é o resumo do que sentimos todos os que estabamos implicados neste proxecto.

-Proxecto que chamou poderosamente a atención do público pero, ¿como se artellou?

-Como nacen moitas cousas; entre cafés, nunha mesa na que estaba Alejandro Piñeiro, Diego Fernández (Sieiro) e Cheíto (José Luis Taboada Areán). Eles comezaron a soñar cun grupo de rock orquestrado e empezaron a dárlle corpo á idea que non sería unha realidade sin a profesionalidade de Isa (Isabel María Rubio, directora da Banda de Lalín), Benxa (Benxamín Otero), Alejandro (Piñeiro) e o batería da banda que foi o que guiou os nosos pasos sobre o escenario.

-¿Unha fusión arriscada a todas luces?

-Non sei si arriscada, pero diferente dende logo e penso que gustou. Persoalmente foi unha experiencia imposible de resumir: 75 persoas tocando dun xeito tan apaixonado os teus temas favoritos; aqueles que me poñía meu pai cando íamos pola Cabreira (Catasós) é indiscritible.

-Pai rockeiro, ¿entón?

-Pois si (risas). Xa sabes de Scorpions, Kiss, Led Zeppelin, Pink Floid ... era o que escoitaba de pequena, o que me enganchou e o que canto agora.

-Dicía que foi de teatro...

-Estiven na escola de teatro, no mesmo grupo que o actor Fran Lareu; que non sei se se lembrará diso, e participei nun curso introdutorio á música pero quedou todo atrás pola carreira. Claro que asistir a representacións teatrais e a concertos sempre estivo presente na miña vida nestes últimos anos.

-¿Cando se produce entón esa volta?

-A finais do 2013 que é cando voltei para Lalín, despois de traballar varios anos en Lugo, e quedabamos un grupo de amigos para unhas jam sessions. Eramos sete e mantiñamos os nosos encontros na Taberna A Tasca, de aí o nome do grupo: A Banda da Tasca. Actualmente os ensaios témolos nun garaxe de KG (Alberto Granja) en Donramiro. A banda naceu dun grupo de amigos que queriamos pasalo ben, tocando e interpretando aqueles temas que nos gustaban.

-¿Pasou polo conservatorio?

-Eu canto de oído. Claro que sei ler unha partitura, pero é o básico da escola; nada máis.

-Pois ten un bo oído.

-Din que si (risas). A verdade é que estou aprendendo moitísimo na Coral Polifónica de Lalín e tamén no Coro da Rá, que dirixe Ramón Bermejo, e no que levo un ano indo aos ensaios a Santiago unha vez á semana.

Música rock dos anos 70 e 80. É a preferida para os integrantes da banda cuxo repertorio se nutre precisamente de cancións desa época.

Pink Floid. The wall, a canción sobre o muro de Berlín desta banda británica, foi interpretada en conxunto co Coro Luís Areán.

«Pedíronnos que programásemos algo para a Feira do Cocido»

Malia que a Banda da Tasca leva anos tocando non foi ata o 2015 cando deu un dos seus primeiros concertos cara ao público.

-Penso que foi dentro do programa do Centro da Vila, que coordina Vito da Silva aquí en Lalín, e dende aquelas xa comezaron a chamarnos e estivemos en Cerdedo, na Bandeira, no Cocido do Orgullo que organiza o Concello... A última actuación que tiveramos creo que facía un ano ata o do pasado domingo. E polo que parece foron moitos os que nos viron xa que moitos dos clientes da farmacia non sabían nada desta faceta miña musical e estes días non paran de falarme do concerto. É incrible a repercusión que tivo.

-¿Como se conxuga música e ser farmacéutica?

-É coma ser ama de casa e pintora ou maestra e palilleira... Todo pode estar unido, cabe de todo... É certo que supón tempo para ensaiar pero sarna con gusto non pica.

-¿A banda foi sufrindo variacións nos seus integrantes?

-Case todos os grupos van tendo cambios ao longo dos anos. No concerto do pasado domingo estaba Juan Amado, Luís, KG, Benxa, Diego e eu. Juan e Benxa estaban sustituindo a Tomás e a José Manuel que non puideron asistir por cuestións persoais.

-¿A formación está mergullada nalgún novo proxecto?

-Certo que nos pediron que programásemos algo para a vindeira edición da Feira do Cocido pero nada está pechado... Unha cousa é facer unha sesión vermú e outra moi distinta é un concerto como o do pasado domingo no que non queres facer o ridículo e fas todo o posible para que saia ben. A sorte é que no concerto do domingo había grandes profesionais que fixeron posible que saise adiante e só con tres ensaios previos coa banda.