Seitureiros de Allariz, en Doade

amelia ferreiroa

LALÍN

rober amado

A Casa do Patrón promoveu a sega do centeo cuxa palla se empregará no teito dunha réplica de casa castrexa

29 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na leira da vermella, en Doade (Lalín), fíxose onte a sega tradicional do centeo que todos os anos se promove dende o museo Casa do Patrón co gallo de dar a coñecer o proceso produtivo do pan e contar coa materia prima necesaria para a malla tradicional que está fixada este ano para o 19 de agosto.

Un traballo que contou nesta ocasión con convidados: un grupo de seitureiros chegados da parroquia de Queiroás da Igrexa en Allariz, descendentes directos de alaricanos que foron segar e atar a Castela. No grupo Gerardo, cuxo pai e tíos foron á seitura a Castela, amosando un xeito diferente de atar e segar. «O noso atado é diferente ao de aquí. É máis artístico. Atamos o mollo con dobre chave para que diga máis bonito e con cresta mentras que o de aquí é só un feixe».

Por diante dous ferrados de centeo que comezaron a segarse ás dez e que rematou cunha boa meda: 300 ou 400 mollos sendo os de Allariz os de maior tamaño. A razón hai que buscala no que se pagaba pola malla; «antigamente cóbrabase por hora ou pousada -que eran cinco mollos- e se eran máis grandes saía a malla máis barata». Un proceso que terá continuidade coa próxima malla e o uso da palla que, según Manuel Blanco, «empregaremos para cubrir o teito da réplica da casa castrexa que se está facendo no museo».