Primeiro albergue privado no casco de Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Emiliano García e Elena González son os impulsores desta novidosa iniciativa

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O continuo fluxo de peregrinos camiñando pola parroquia de Donsión, onde vivía por aquel entón, cara a Compostela levou ao empresario lalinense Emiliano García Méijome a prantexarse abrir nun futuro un albergue de peregrinos no casco urbano de Lalín.

Pasaron algo máis de dez anos dende aquel desexo que se está tornando en realidade, e o vindeiro mércores comezará a funcionar o primeiro albergue privado impulsado por Emiliano e pola súa muller Elena, «que deixou a tenda que tiña para embarcarse neste proxecto», comenta ilusionado o artífice do mesmo. Un albergue que levará o mesmo nome que a pizzería-tapería que rexentan os García Méijome: A Casa do Gato.

As instalacións se ubican na rúa Observatorio e con disponibilidade para vinte prazas. «Contamos con dez literas, dous baños con un par de duchas en cada un, unha cociña comunitaria para o uso dos inquilinos e unha sala. No albergue hai tamén lavadora, secadora e wifi», dixo. Especial atención se lle prestará á comodidade do visitante e aos prezos que rexerán no albergue. «Serán prezos low cost, totalmente asequibles. A xente o que ven demandando son servizos básicos e prezos moi razonables e é o que imos establecer».Pernoctar no Albergue Casa do Gato custará 10 euros nun paquete no que se inclúe saba baixeira, funda de almofada e nórdico; e aqueles que pidan sabas de tea terán que pagar un suplemento de 2 euros.

Unhas instalacións cuxo uso están pensadas fundamentalmente para grupos, familias e peregrinos. «Son moitos os que fan o Camiño de Santiago pola Vía da Prata e polo Camiño de Inverno pois para eles está pensado o albergue pero tamén para as familias e os grupos que veñen disfrutar da nosa paisaxe, natureza e gastronomía». García Méijome aposta por traballar na desestacionalización da época en que miles de peregrinos fan o camiño. «Pódese camiñar cara a Santiago en calquer época do ano e nós tentamos tamén dende a Asociación Amigos do Camiño a Santiago Por Lalín-Deza (da que é vicepresidente) impulsar e promocionar os últimos 100 quilómetros de percorrido a Compostela collendo Lalín como campo base», explicou.

Por outra banda entre os obxectivos da posta en marcha desta iniciativa está tamén dárlle un pulo aos establecementos locais «e que se beneficien tamén disto xa que contamos cun excelente comercio de proximidade e, xusto ao carón do albergue, calquer visitante pode ir a mercar á Praza de Abastos, carnicería, peixeiría e panadería».