«É unha producción moi coidada, con moito respeto a nosa cultura e fala»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Grabacións en exteriores naturais ao longo de seis meses para a montaxe de 10 capítulos

08 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Costas galegas. Anos 80. A flota queda sen traballo despois da reconversión e os armadores atópanse cada vez con máis débedas. A falta de ingresos fai que o tráfico de tabaco pase a algo moito máis lucrativo: ás drogas. Aí está o fío condutor de Fariña, a historia do narcotráfico en Galicia que se está rodando na actualidade e que reúne a máis dun cento de actores, a ampla maioría galegos, entre os que figuran dous lalinenses: Fran Lareu e Xoel Fernández. Con este último falamos do seu papel nesta serie que é unha adaptación do libro de Nacho Carretero.

-É un retrato do que pasaba en Galicia nos anos 80 e o libro fala, dalgún xeito, dese ADN contrabandista que ven do pobo costeiro e como comercializaba ilegalmente. Unha publicación na que me chamou a atención o feito de que había contrabandistas de todo tipo: de gasolina, bicicletas e os de tabaco e como foron decatándose máis tarde por outro tipo de drogas. O que fai a serie é rescatar o funcionamento daquela sociedade.

-Dálle vida a Xulio Braña.

-Si, son un dos homes de confianza de Sito Miñanco (personaxe que interpreta Javier Rey), dentro desta produción moi coidada e con moito respeto a nosa cultura, a nosa forma de ser, de expresarnos e que se vai trasladar a España; e posiblemente ao mundo xa que me parece unha serie perfectamente exportable ao exterior. É unha serie que fala da nosa forma de ser, dos galegos, á marxe do contrabando por suposto.

-¿Como están a ser as rodaxes?

-Participei só nunha polo de agora pero moi ben. Fariña é un proxecto coidadísimo, moi meticuloso e é, dende o meu punto de vista, unha das grandes apostas de toda a televisión a nivel nacional. O resultado final creo que será fantástico e se temos en conta que as rodaxes están a ser en exteriores naturais que lle darán unha riqueza incríble á serie.

-¿Exteriores naturais polas costas galegas?

-Si. As rodaxes céntranse por Noia, Boiro, Porto do Son, Arousa, Pontevedra,... exteriores todos de gran beleza.

-¿Sabe cando se podería extrear xa a serie?

-O certo é que non sabemos aínda cando se emitirá. Podo decir que a rodaxe vai para tempo, ata o vindeiro mes de novembro está previsto continuar co traballo. Son polo tanto seis meses de rodaxe que se traducirán en dez capítulos. Hai que ter en conta que se pode facer un capítulo en oito días e aquí falamos de seis meses; de aí o que comentaba antes do coidado que se lle está dando a este produto.

-A produtora galega Bambú Producciones está detrás deste proxecto e ten actualmente unha fama que lle precede.

-Os traballos que sacou adiante nos últimos tempos acadaron importantes éxitos de audiencia e pénsase que con este novo traballo pode suceder o mesmo. É unha producción moi boa na que realmente todo o mundo quería estar.

-Javier Rey, Carlos Blanco, Antonio Durán Morris, Manuel Lourenzo, Celso Bugallo, Tamar Novas,... todos galegos.

-É que o 99 % por non dicir o 100 % dos actores desta serie somos todos galegos. Polo contexto e pola trama da serie ten que ser así.

-E dous lalinenses...

-(Risas). Un pracer estar con Fran Lareu con quen coincidira na serie O Faro, e mesmo chegaron a cruzarnos nunha escena, e fíxome moita ilusión saber que ía estar en Fariña. Cando me confirmaron que eu estaba e el tamén chameino... É moi difícil estar nun proxecto deste tipo e a título persoal levaba un ano traballando para poder estar aí.

«Estou cun novo proxecto de teatro que comezarei para setembro-outubro»

Xoel Fernández ven compaxinando dende o punto de vista profesional televisión con teatro. Famélica, a obra de Juan Mayorga chea de recovecos e de capas sociolóxicas e históricas, que dirixe Jorge Sánchez e que protagonizan Mabel de Pozo, Juanma Díez, Aníbal Soto e o propio Xoel, está a proporcionarlle moitas alegrías ao actor lalinense segundo el mesmo recoñece.

-Non é moi habitual cunha obra permaneza máis de dous anos en carteleira e con Famélica está pasando. Segue dando froitos con saídas fóra de Madrid e mesmo despois do verán queren continuar con ela. Era unha peza que tiña moitas ganas de que estivera en Lalín, e dentro da xira que fixemos por Galicia, foi posible. Foi un inmenso pracer poder traela ao pobo e que nos continúe dando tantas satisfaccións e froitos con saídas fóra de Madrid. De feito, despois do verán, semella que seguirá representándose na capital, no Teatro del Barrio.

-Á marxe de participar agora mesmo en «Fariña», ¿algún outro proxecto á vista?

-Pois estou cun novo proxecto de teatro que comezarei para setembro-outubro, pero do que prefiro non adiantar nada ata que sexa unha realidade. Logo estou tamén facendo de doutor en Centro Médico, unha serie que emite Televisión Española na que participan Jesús Cabrero, Marina Lozano, Christian Guiriguet, Octavi Pujades e Silvia Marco.

-Vive en Madrid e viaxa de cando en vez a Lalín, ¿como ve o pobo que o veu nacer?

-Lalín véxoo a través dos ollos da xente que quero e penso que hai unha tendencia ascendente.

-¿Haberá tempo agora para estar coa familia e cos amigos?

-Tendo en conta que estou rodando en Galicia terei oportunidade de estar un pouco máis por aquí e de viaxar a Madrid.